Reforzo invernal para o Palencia Cristo Atlético antes de medirse ao Pontevedra

Pontevedra
05 de xaneiro 2022

O próximo rival dos granates confirmou a incorporación do gardameta Miguel García, procedente da Arandina, para cubrir a lesión de longa duración de Dani Hernández 

Fichaxe de Miguel García polo Palencia Cristo Atlético
Fichaxe de Miguel García polo Palencia Cristo Atlético / CD Palencia Cristo Atlético

O próximo rival do Pontevedra Club de Fútbol na liga, o Palencia Cristo Atlético, estreou o ano acudindo ao mercado invernal a poucos días de medirse aos granates.

O club palentino, na súa primeira tempada na Segunda RFEF /  SegundaB, marcha nunha meritoria quinta posición con 24 puntos, pechando os postos de  play- off de ascenso a 8 puntos dos pontevedreses, pero non se conforma e a súa actualidade vira ao redor dos reforzos que se esperan para a segunda volta.

Neste sentido o primeiro en chegar foi o xove Miguel García, gardameta de 19 anos que foi confirmado este martes como novo xogador do equipo tras desvincularse da Arandina de Terceira RFEF. A súa contratación prodúcese para cubrir a lesión de longa duración doutro dos seteiros, Dani Hernández.

Ademais o Cristo Atlético deu a baixa, a petición propia, ao dianteiro Jesús Torres, que participara en 11 encontros esta campaña (só 1 como titular) e ao que agora se lle busca substituto.

Mentres iso ocorre o resto do plantel traballa coa vista posta na visita o vindeiro domingo 9 de xaneiro (17.00 horas) ao Estadio Municipal de Pasarón, nun partido que se perderá por sanción o seu máximo goleador, Alfredo Sualdea (5 tantos), tras ser expulsado na última xornada de 2021.