Levaba o Poio FS tres derrotas consecutivas, o que convertía o partido fronte ao Ordizia en algo parecido a unha final anticipada por varias razóns: a importancia dos puntos en disputa, a dose de confianza para o equipo, e o feito de deixar a unha distancia considerable ao rival que marca os postos de descenso.
Concientes de todo iso, o equipo fixera un chamamento á súa afección para que acudise ás bancadas da Seca. A afección respondeu. O pavillón rozou o cheo como nas mellores tardes, e o equipo non defraudou, goleando o Ordizia nun partido completo que as rapazas de Morenín dominaron dende o asubío inicial.
Porque foi precisamente na xogada do saque de centro cando o Poio lograba inaugurar o marcador por medio de Jenny. O gol deu a tranquilidade que se necesitaba e aos oito minutos Yoly ampliaba a conta ao aproveitar unha contra para marcar porta baleira, tras un rexeitamento de Itziar.
A pesar do dominio local serían as guipuscoanas que recortaban distancias por mediación de Irati, de potente disparo afastado á saída dun saque de banda. Pero o Poio reaccionou de inmediato e en apenas un minuto anotaba dous goles máis por medio de Jenny, de potente disparo exterior, e de Charo nun remate ao segundo pau a pase de Claudia, para irse ao descanso cunha cómoda vantaxe.
Na segunda parte, o Ordizia optou por alternar de inicio nas súas xogadas ofensivas co xogo de cinco, pero precisamente esa táctica resultaría fatal para as visitantes, que nun perda de balón encaixaban o quinto a porta baleira, materializado por Silvia.
Mediado o segundo período Maite González reducía diferenzas, pero pouco despois Claudia poñía novamente as cousas no seu sitio. A mesma Claudia debía abandonar a pista pouco despois ao ver a segunda amarela, o que obrigou ao Poio a aguantar a inferioridade, superando mesmo un dobre penalti a cinco minutos da finalización, que non puido aproveitar o Ordizia e que rematou por render ao cadro visitante.
POIO FS (6): Silvia; Charo, Jenny, Claudia, Yoly -cinco inicial-, Tania, Paloma, Souza e Elena.
ORDIZIA (2): Itziar; Irati, Maite González, Ainara, Itxaso -cinco inicial-, Olatz, Izaguirre, Ane Izaguirre e Miriam Arana.
Árbitros: Olivier Cardero e Enrique Novoa (Galicia). Amoestaron a Yoli e con dobre amarela a Claudia (min. 34), polo Poio, e a Ane Izaguirre e Ainara, polo Ordizia.
Goles: (1-0) Minuto 1: Jenny. (2-0) Minuto 8: Yoly. (2-1) Minuto 16: Irati. (3-1) Minuto 17: Jenny. (4-1) Minuto 18: Charo. (5-1) Minuto 21: Silvia. (5-2) Minuto 30: Maite González. (6-2) Minuto 33: Claudia.
Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio). Uns 600 espectadores.