O soño de meterse no play-off polo título complícase para o Poio Pescamar, que caeu este sábado fronte ao Burela despois de empezar gañando cun golazo de Èlia.
As vermellas, que estaban a catro puntos de meterse na cuarta praza, atópanse nestes momentos a sete tras a vitoria do STV Roldán na Raña.
Arrincou o encontro con claro dominio do Burela, que se fixo co control do esférico fronte a un Poio Pescamar que realizaba unha altísima presión para complicar a saída de balón rival.
Con todo, foi desde a estratexia cando o equipo de López-Tulla atopou co gol. Era o minuto cinco de xogo, Irene García sacou de esquina cara a Élia, e esta rematou de primeiras para aloxar o balón na escuadra da portaría visitante.
Noutras dúas accións de Candela e Chuli o conxunto vermello puido ampliar a renda, pero en cambio foi o Burela o que, nun lapso dun minuto, volteou o encontro aproveitando dous erros na saída de balón local.
O primeiro chegou con Antía anticipándose ao pase de Candela, gañou a partida a Èlia e bateu a gardameta local cun disparo por abaixo. No segundo, en cambio, a ex-conserveira cazou o pase de Elena e buscou a Cris á esquerda, que puxo o balón no segundo pau onde Emily apareceu para empuxar o esférico á rede.
Coas locais tocadas, o Burela pasou a xogar da mesma forma que o fixo durante os primeiros compases do enfrontamento. Fíxose coa posesión e, aínda que apenas xerou ocasións na portaría rival, tampouco viu perigar o resultado durante a primeira metade.
Despois do paso polos vestiarios o guion non cambiou. As da Mariña optaron por xogar con longas posesións e mostráronse moi sólidas en defensa, evitando calquera achegamento por parte dun Poio que non atopaba a maneira de facer dano ao seu rival.
De feito é que non foi até o minuto 30 de xogo cando as gardametas volveron intervir. Primeiro Elena evitou o gol de Emily, que suporía o terceiro das visitantes e, na seguinte xogada, Caridad enviou o disparo de Candela a córner.
Restaban pouco máis de cinco minutos e López-Tulla apostou polo xogo de cinco con Èlia como porteira-xogadora. Asediou entón o equipo local a portaría rival e Rocío Molina dispuxo da ocasión máis clara até o momento, pero Caridad realizou unha intervención providencial para desviar o disparo e impedir o empate.
Vaise sen premio o Poio Pescamar despois desta derrota e complícase o asalto á cuarta praza tras o triunfo na Raña do Roldán, que se afasta en sete puntos.