Remonta o Arosa ao Céltiga nun intenso derbi, cae o Ribadumia e confirma o descenso o Villalonga

O Salnés
29 de abril 2018

O Arosa xa é terceiro na clasificación tras impoñerse na Lomba nun intenso e polémico derbi ao Céltiga, con Capi e Sylla como protagonistas. Pola súa banda, o Ribadumia vendeu cara a súa derrota na visita ao segundo da táboa, un Bergantiños empeñado en non deixar escapar ao Compostela, mentres o Villalonga confirmou o seu descenso matemático perdendo en San Pedro co Barbadás

Partido entre Arosa e Céltiga na Lomba
Partido entre Arosa e Céltiga na Lomba / Diego Torrado

O Arosa xa é terceiro na clasificación tras impoñerse na Lomba nun intenso e polémico derbi ao Céltiga, con Capi e Sylla como protagonistas. Pola súa banda, o Ribadumia vendeu cara a súa derrota na visita ao segundo da táboa, un Bergantiños empeñado en non deixar escapar ao Compostela, mentres o Villalonga confirmou o seu descenso matemático perdendo en San Pedro co Barbadás.

O derbi arousán tivo de todo, golazos, remontada local e especialmente polémica. Os visitantes adiantáronse no marcador, pero viron como o equipo de Jorge Otero remontaba logo, nun intenso final, aproveitando a superioridade numérica pola expulsión de Capi, ao ver dous cartóns amarelos nos inicios da segunda parte.

Precisamente Capi adiantaba aos insulares á saída dun corner, aos sete minutos, pero a alegría visitante duraba pouco, porque catro minutos máis tarde o outro protagonista destacado, o dianteiro arlequinado Sylla, conseguía empatar.

Un Sylla que puido ver o camiño dos vestiarios de forma anticipada, pero contou coa benevolencia arbitral, o que lle permitiu logo facer un verdadeiro golazo, a falta de sete minutos para o final, que deixaba os tres puntos na casa, provocando o xúbilo nas bancadas da Lomba, ao ver ao seu equipo en franca liña ascendente e xa levantado ao terceiro posto.

Consulta o acta do partido Arosa-Céltiga nesta ligazón.

Fixo suar o Ribadumia ao vicelíder Bergantiños, tanto que nas Eiroas os locais non puideron respirar tranquilos ata o asubío final. Os de Carballo adiantáronse na primeira parte cun gol de Iago Blanco.

Empataron os aurinegros superada a hora de xogo, por medio de Hugo Soto, pero en apenas tres minutos o Bergantiños conseguiría dous goles, obra de Rodri Alonso e Pablo Antas.

Con pouco máis de dez minutos por diante, o Ribadumia buscou a reacción, pero só puido reducir distancias co tempo xa cumprido, cando Rubén Cerqueiras marcaba o definitivo 3-2.

Consulta o acta do partido Bergantiños-Ribadumia nesta ligazón.

Confirmou o Villalonga un descenso que estaba cantado desde fai bastantes xornadas ao caer derrotado en San Pedro polo Barbadás, nun partido que serve aos ourensáns para manter viva a esperanza dunha complicada permanencia.

O único tanto do partido chegaba superada a media hora de partido, obra de Martín Fernández, sen que os celestes fosen capaces de reaccionar para polo menos dar unha alegría aos seus.

Consulta o acta do partido Villalonga-Barbadás nesta ligazón.