Renovación no equipo de División de Honra da Gimnástica para a súa novena tempada na elite

Pontevedra
28 de decembro 2014

Un total de 11 atletas deixaron a disciplina do club pontevedrés, que buscará un ano máis a permanencia na máxima categoría

Alberto Salcedo, na primeira xornada da División de Honra 2014 Sociedad Gimnástica

A Sociedad Gimnástica prepara xa a que será a novena tempada na elite para o seu equipo masculino, que encara unha profunda renovación.

Ata 11 atletas abandonan a disciplina do club pontevedrés, que xa pechou aos seus substitutos e a formación que buscará un ano máis a permanencia na División de Honra.

A xunta directiva presentou aos seus socios na recente asemblea a composición do equipo, na que destaca a ausencia de Marc Tur, campión de España de marcha en ruta e peza pretendida por equipos economicamente máis potentes.

David Jiménez, David Mateos e Enrique Moret cubrirán o seu oco nesta disciplina, mentres Alberto Guerrero substituirá un finalista do Campionato de España nos 800 metros como Eduardo Suárez.

Pola súa banda Gonzalo Sánchez-Camacho cubrirá outra baixa significativa, a do velocista David Alejandro.

Tamén se incorporan á Gimnástica Mario Álvarez e Ricardo Gaya para a lonxitude e o triplo salto, Iván Blanco para os 3.000 obstáculos, Manuel Castellanos en xavelina, Enriq Obiol en pértega e Sergio Paredes para o lanzamento de martelo.

En canto ao equipo feminino a dirección técnica pechou as chegadas da velocista Esperanza Caldas ou ás fondistas Barca Toba e Rocío Rodríguez.

O obxectivo das rapazas será participar no mes de xuño na final a oito da Segunda División.