Renuncia á Copa Galicia dun Peixe Galego que segue á espera do CSD

Marín
29 de agosto 2017

O club marinense, que recorreu a súa expulsión da liga LEB Prata, non conta na actualidade con xogadores suficientes para afrontar a competición autonómica, que este ano organizan na Raña, debido á incerteza xerada pola polémica decisión da Federación Española de Baloncesto

Partido entre Peixe Galego e CB Prat na Raña
Partido entre Peixe Galego e CB Prat na Raña / Diego Torrado

A "kafkiana" situación que está a vivir o Marín Peixe Galego, segundo define o propio club, obrigoulle a renunciar a participar na próxima edición da Copa Galicia, na que ían ser anfitrións da fase final.

O club marinense non conta na actualidade con xogadores suficientes para afrontar a competición ante a incerteza xerada pola súa polémica non inscrición na Liga LEB Prata

Despois da decisión da Federación Española de Baloncesto o Peixe, que defende ter presentado toda a documentación en tempo e forma, recorreu ao Consello Superior de Deportes, pero segue sen noticias respecto diso desde o pasado mes de xullo.

Esta situación está a hipotecar o futuro do Peixe Galego, xa que "as consecuencias deste duro golpe, supoñen que a día de hoxe, non dispoñamos de plantel, nin de abonados", explicaron a través dun comunicado para xustificar a súa decisión de renunciar á Copa, ao que "nos vemos obrigados".

A pesar da complicada situación, a entidade marinense porá todos os seus esforzos na organización da fase final da Copa Galicia, que mantén como sede o pavillón da Raña.