Resumos propios a falta de acordo coa TVG

Pontevedra
23 de setembro 2024

Por segunda xornada consecutiva as cámaras da Televisión de Galicia non accederon ao Estadio Municipal de Pasarón para retransmitir o partido de liga do Pontevedra e tampouco para ofrecer o remumen do encontro, que foi compartido horas despois polo propio club granate

Partido de liga entre Pontevedra e Deportivo Fabril en Pasarón
Partido de liga entre Pontevedra e Deportivo Fabril en Pasarón / Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol e a Televisión de Galicia (TVG) seguen sen pechar un acordo pola cesión dos dereitos televisivos do club granate para a presente tempada.

A consecuencia diso foi que, por segunda xornada consecutiva e tal como aconteceu no duelo fronte Valladolid Promesas, as cámaras da canle autonómica quedaron sen acceder ao Estadio Municipal de Pasarón para retransmitir o partido contra o Fabril e tampouco para ofrecer o remumen do encontro.

Ante esta situación foi o propio Pontevedra o que, a través das súas canles en redes sociais, compartiu horas despois os goles do partido nun breve resumo coa súa marca 'PCF Media'.

Cabe lembrar que a negociación entre ambas as dúas partes quedou en punto morto pola intención da TVG de incluír no contrato unha cláusula que lle daría poder para fixar o horario dos partidos. Ademais a cifra ofrecida aos equipos galegos de Segunda REFEF é esta campaña de 40.000 euros, similar á da pasada liga pero sensiblemente inferior ás cantidades de anos anteriores, como os 75.000 que recibiu o club granate o curso 21-22 tamén en Segunda RFEF.