Bo ambiente no Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuiños na primeira xornada do Campionato Galego Absoluto de Natación de Inverno.
Máis de 300 nadadores de 24 clubs galegos danse cita nunha competición que se prolongará ata o vindeiro venres 30 de decembro e que supón a última gran cita do ano.
Co cambio de formato aprobado pola Federación Galega de Natación o campionato contou con roldas clasificatorias na xornada matinal e coas primeiras finais en horario de tarde.
Entre os participantes destacan dúas nadadoras olímpicas como María Vilas ou Bea Gómez ou os recentes medallistas nacionais en piscina curta, a pontevedresa Águeda Cons e o coruñés Sergio Campos.
O club organizador, o Natación Galaico, participa cunha ampla representación de 33 deportistas e o obxectivo de subir todo o máis alto do podio na clasificación por equipos.