Non hai quen tosa ao Club Natación Galaico no Campionato Galego Absoluto de Inverno, en piscina curta, que se celebra no Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuiños.
O club pontevedrés domina con autoridade as clasificacións por equipos despois de dúas xornadas de competición e ten xa no peto o título de mellor equipo autonómico.
O Galaico, con 817,5 puntos, dobra en puntuación ao segundo club na clasificación conxunta, o Pabellón Ourense (391), mentres o Fluvial de Lugo (360,5) é terceiro.
Os anfitrións da competición dominan tamén a clasificación en categoría feminina (530,5 puntos) por diante de CN Ponterareas (243), e a masculina (287) superando a CN Arzua (268).
Ademais das medallas individuais, no que vai de competición un dos grandes protagonistas foi o equipo feminino de remudas, que bateu dous records galegos. No 4x200 libre (Paula Goyanes, Clara Otero, Águeda Cons e Bea Gómez) pararon o crono en 8:11.00, mentres no 4x100 libre (Clara Otero, Nuria Erselle, Águeda Cons e Bea Gómez) fixérono en 3:50.03.