Ribadumia e Céltiga "pescan" a domicilio mentres Arosa xoga ben pero non gaña e Villalonga cede en San Pedro

O Salnés
11 de setembro 2016

Vitorias de mérito para Ribadumia e Céltiga nas súas visitas aos sempre complicados campos do Silva e Bergantiños. Mentres os de Sierra lograron vencer por 1-2, o equipo da Illa segue o seu impecable inicio de tempada, logrando impoñerse por idéntico marcador no exilio dos de Carballo, en Paiosaco

Antonio Fernández, na súa etapa no Vilalonga
Antonio Fernández, na súa etapa no Vilalonga / Diego Torrado

Vitorias de mérito para Ribadumia e Céltiga nas súas visitas aos sempre complicados campos do Silva e Bergantiños. Mentres os de Sierra lograron vencer por 1-2, o equipo da Illa segue o seu impecable inicio de tempada, logrando impoñerse por idéntico marcador no exilio dos de Carballo, en Paiosaco.

As obras de substitución do deteriorado cesped artificial das Eiroas levaron ao Bergantiños a xogar de prestado. Comezaron mandando cun temperán gol de Nacho Fernández, pero o Céltiga conseguiu dar a volta ao marcador con dous goles de Diego Fernández, o da vitoria apenas a un minuto do final, para sumar tres novos puntos que sitúan ao equipo insular nunha sorprendente terceira posición.

Consulta aquí o acta do partido Bergantiños-Céltiga.

Conseguiu refacerse o Ribadumia da derrota encaixada na Senra a pasada xornada. Fíxoo gañando na Grela con dous goles do veterano Changui, o primeiro xusto antes do descanso e o segundo nada máis comezar a segunda metade.

Os coruñeses recortaron diferenzas a falta de 15 minutos, por medio de Pablo Andrade, pero o equipo que adestra David Sierra soubo aguantar o empuxe final do Silva para manter a súa vantaxe.

Consulta aquí o acta do partido Silva-Ribadumia.

Peor sorte tivo o Villalonga, que recibía en San Pedro a visita dun dos grandes favoritos como o Cerceda, cedendo os puntos nun mal arranque de partido.

Os de Antonio Fernández viron como se lles escapaban as súas opcións en apenas 12 minutos, tempo que o conxunto coruñés tardou en marcar os seus dous goles, a primeiro obra de Uxío e o segundo de Javi Otero.

A pesar de tentalo, o Villalonga foi incapaz de superar a ordenada defensa coruñesa, e ademais atopouse cunha arbitraxe moi protestada do colexiado monfortino Saúl López Parga, que deixou aos celestes en inferioridade nos últimos minutos, expulsando con vermella directa a Aarón.

Consulta aquí o acta do partido Villalonga-Cerceda.

En partido adiantado á xornada, o sábado o Arosa sumou o seu terceiro empate consecutivo nun partido no que mereceu moito máis ante un Barbadás moi defensivo que aproveitou un erro defensivo aos cinco minutos para adiantarse no marcador.

O equipo de Jorge Otero reaccionou como a pasada xornada moi pronto logrando empatar, pero faltoulle acerto para dar a volta ao marcador e conseguir unha vitoria que por xogo e ocasións mereceu.

Alfredo, só ante de Lloves, fixo o 0-1 e Suso Martínez empatou pouco despois, aproveitando un gran pase de Sergio Santos.

Na segunda parte o Arousa dominou por completo, pero sen puntería.

Consulta aquí o acta do partido Arosa-Barbadás.