Rodaxe para Bea Gómez, María Vilas e Carla Goyanes no Meeting Internacional Póvoa de Varzim

Pontevedra
04 de febreiro 2020

As nadadoras do Galaico tomaron parte na competición internacional cun equipo de deportistas bolseiros do Centro Galego de Tecnificación Deportiva

Equipo galego que participou no XI Meeting Internacional Póvoa de Varzim
Equipo galego que participou no XI Meeting Internacional Póvoa de Varzim / Federación Galega de Natación

Cada vez queda menos para os grandes obxectivos da tempada e os deportistas do Club Natación Galaico traballan duro para chegar ao momento da verdade na mellor forma posible.

A última parada na súa preparación, no caso das olímpicas Bea Gómez e María Vilas e tamén de Carla Goyanes, foi o XI Meeting Internacional Póvoa de  Varzim que se disputou a fin de semana en Portugal en piscina de 50 metros.

As representantes do Galaico acudiron á cita xunto a outros bolseiros do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

A nivel individual Bea Gómez impúxose nas probas dos 200 e 400 estilos logrando senllos  records do campionato, aínda que as marcas (2:18.17 e 4:50.04 respectivamente) quedaron lonxe aínda dos seus mellores rexistros, algo que pouco importa a estas alturas de tempada, xa que se trataba de sumar quilómetros.

Na clasificación por clubs o equipo galego finalizou o Meeting na terceira posición por detrás do FC Porto e do Ligue Occitanie francés, quedando ademais segundos do medalleiro con 19 podios.

OITO MEDALLAS NO CAMPIONATO GALEGO ALEVÍN

Positivo papel o protagonizado por outra banda polo equipo alevín do Galaico no Campionato Galego de Inverno celebrado en Santiago de Compostela.

Os nadadores e nadadoras pontevedreses conseguiron nesta cita un total de 8 medallas (cinco ouros, unha prata e dous bronces). Ademais, na clasificación por equipos, finalizaron na quinta posición.