Roi Fraga e Katerina Rebón brillan no Campionato de España sub21

Umia
24 de maio 2026

Os deportistas do club caldense Número Phi asinaron unha extraordinaria actuación na competición nacional. Roi alzouse coa medalla de bronce e Katy proclamouse subcampioa de España en -62 kg

Roi Fraga e Katerina Rebón no Campionato de España Sub21 Club Número Phi

Gran actuación dos taekwondistas do Club Número Phi no Campionato de España sub21 de taekwondo celebrado este fin de semana en Ciudad Real.

Esta competición, considerada unha das máis prestixiosas do calendario nacional, reuniu ás maiores promesas desta disciplina entre as que se atopaban Roi Fraga e Katy Rebón.

No caso de Roi, o taekwondista do club de Caldas de Reis logrou un bronce en -74 kg tras vencer a Iker Careaga e Francisco Vilar e caer en semifinais con Erik Rubio.

A actuación de Katy non quedou atrás. A deportista caldense proclamouse subcampioa de España en -62 kg despois de imporse a Branca Dieste e Carlota Hidalgo.

O ouro estivo cerca, pois a taekwondista caeu na final ante a campioa Rocío Hernández.

Desde o club móstranse moi satisfeitos polos resultados dos seus deportistas e afrontan o futuro con optimismo "polo gran potencial e marxe de crecemento que teñen tanto Ekaterina como Roi".

De cara aos seus próximos compromisos, ambos competirán a primeira semana de xuño na Presidents Cup, un torneo internacional puntuable de cara ao Campionato de Europa Sub21.

En canto ao Número Phi, o club estará o próximo fin de semana no Campionato Galego Escolar que se celebrará en Boiro.