O Pontevedra Club de Fútbol puxo fin este sábado á súa serie de seis partidos sen perder tras caer en casa do Lugo por 1-0.
Tras o enfrontamento, Rubén Domínguez, adestrador granate, fixo unha valoración e sinalou que nos primeiros 35 minutos o equipo entrou ben ao partido, pero que nos últimos dez minutos antes do descanso afundiuse un pouco.
Tentaron axustar despois do intermedio, "pero non entramos ben na segunda parte".
Tras encaixar o gol lograron volver meterse no encontro, aínda que lles faltaron ocasións claras e desequilibrio no último terzo do campo.
O adestrador lembrou o positivo refacho que viñan arrastrando, con cinco semanas consecutivas puntuando e o pase á Copa do Rei, e pediu enfocarse na próxima oportunidade en casa contra Guadalajara para dar a volta á situación e volver á senda da vitoria.
Sobre as lesións, cambios obrigados e as ausencias por amoestacións Domínguez manifestou que é parte do fútbol, pero que agora é momento de que xogadores menos habituais dean un paso adiante xa que "haberá minutos para todos eles".
Por último, con respecto á lesión de Garay, explicou que faltan exploracións, pero o máis probable é que se trate dunha rotura muscular.