Contratempo inesperado para o Pontevedra Club de Fútbol de cara ao duelo de rivalidade que disputará este sábado (16.15 horas) fronte ao Club Deportivo Lugo no Estadio Anxo Carro.
O equipo granate afrontará un cambio na portaría debido a problemas físicos de Rubén Marqueta, que a pesar de todo si estará na convocatoria.
"Vai xogar Edu Sousa", confirmou este venres Rubén Domínguez.
A causa é unha microrrotura no xemelgo. "Poderiamos forzar a situación, pero consideramos que sexa baixa", recoñeceu o técnico sen querer arriscar o gardameta e mostrando a súa enteira confianza en Edu.
"Estamos convencidos de que mañá imos facer un grandísimo partido. Motívanos xogar en Lugo, motívanos xogar a ese derbi e o Pontevedra xa sabedes que en calquera campo e a un partido pode meterlle man a calquera equipo", defendeu o preparador dos pontevedreses desde a sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón.
Ademais de Marqueta non estará por lesión Juanra, así como Dani Selma por decisión técnica tras a súa indisciplina da última xornada e un Yelko Pino sancionado por acumulación de amoestacións.
"Obviamente cando faltan xogadores que son importantes claro que se nota, pero Miki a semana pasada non estaba, xogou Juanta e fíxoo espetacularmente ben. Yelko non está e a situación ímola a arranxar, estou convencido de que non vai alterar ao xogo do equipo", defendeu Rubén.
No que respecta ao rival, o Lugo do exgranate Yago Iglesias, "é un equipo que tenta ser propositivo. Ao final está a ser moi estable a nivel defensivo porque acapara moito a pelota. Non están a facer moitísimos goles. É un equipo moi equilibrado, montado xa sabedes para que, e antes ou despois vai acumular vitorias porque ten un bo corpo técnico e un bo equipo", analizou o máximo responsable do banco do Pontevedra.
"Imos disputarlle o partido. O fútbol non é só a posesión, o control do partido son moitas cousas. Imos tentar ter o control do partido, que unha das variables é a posesión, e imos a polos tres puntos", avanzou Domínguez agradecendo de antemán a presenza dunha nutrida representación de afeccionados da Boa Vila, algo que "nós sentimos e sempre é un impulso".