Rubén Domínguez e a loita polo play-off: "Non nos vai a chegar só con ser fortes en Pasarón"

Pontevedra
17 de abril 2026
Actualizado: 16:47

O adestrador do Pontevedra Club de Fútbol asegura que "estamos ante unha oportunidade moi grande" de pelexar polo ascenso a Segunda División, empezando pola visita ao campo do Guadalajara

Rubén Domínguez, no partido entre Pontevedra CF e Zamora en Pasarón Cristina Saiz

A falta de seis xornadas para o final da competición regular en Primeira RFEF as calculadoras empezan a botar fume, e tamén o fan nun Pontevedra Club de Fútbol que co seu obxectivo principal asegurado está "ante unha oportunidade moi grande" de pelexar polo ascenso a Segunda División.

É por iso que aínda que o discurso pretende centrarse no partido a partido, até Rubén Domínguez fai xa contas de que necesita o seu equipo para amarrar un posto no play-off.

"Non nos vai a chegar seguramente só con ser fortes en Pasarón, salvo que gañes os tres, e aínda así tes que garantir algún punto fóra da casa", asegurou o técnico na rolda de prensa previa do desprazamento dos granates ao campo dun Guadalajara (domingo 19, 18.15 horas) metido de cheo na pelexa por evitar o descenso de categoría.

"Se gañamos tres puntos ímonos a meter en 52 e vannos a quedar cinco partidos, dos cales tres van ser en Pasarón, e o nivel que estamos a dar en Pasarón dános garantías de que pode estar moi preto", incide Rubén.

Nesta situación, e tras regresar sen nada ou practicamente dos seus últimos encontros fóra da casa, "queremos xa cortar esa mala serie e ter esa primeira oportunidade de enganchar dúas vitorias seguidas para meter puntos ao sexto clasificado".

Coa liga nun puño, por arriba e por abaixo, a ansiedade pode pasar factura a calquera equipo, pero non para o Pontevedra, asegura o seu adestrador, e é que "nós xa só podemos gañar, non temos nada que perder. Temos que xogar con ambición, sen pesos, sen cargas e sentilo, porque hai que asumir que temos moi preto o poder xogar un play-off de ascenso", defendeu Rubén Domínguez ante os medios de comunicación.

No que respecta ao duelo fronte ao Guadalajara "eles xogan a vida e é literal", avisou sobre un rival que "cambiou moito, por encima cambiaron o adestrador, así que creo que non vai ter nada que ver co partido pasado", explicou en relación ao choque da primeira volta.

O Pontevedra afronta a cita coa ausencia por lesión de Álvaro Pérez, ao que "se lle intúe en tres semanas" de baixa, confirmou o técnico avanzando que "é posible que perda seguro este partido e o que vén vai estar moi xusto".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora