Tres partidos en oito días esperan a un Pontevedra Club de Fútbol que quere apurar as súas opcións de seguir pelexando polo play-off de ascenso.
Tras caer das posicións de privilexio tras a súa derrota en Zamora pero cun partido menos, Rubén Domínguez segue a crer que a xesta é posible, pero pide aos seus "gañar xa" para que "os xogadores sintan esa pequena liberación", aínda que nega que os resultados das últimas semanas se produciran por unha presión excesiva.
Si fala de manter a "responsabilidade" de pelexar por un play-off de ascenso que se puxo ao alcance.
"Queremos gañar tamén para reenfocarnos e volver ter os niveis de confianza altos sabendo que é un rival directo", explicou este mércores desde a sala de prensa de Pasarón mirando cara á primeira das citas, a visita dun Barakaldo que marcha terceiro na táboa (sábado 4 de abril, 16.15 horas).
"Se gañámoslle podemos poñernos a un punto e e golaverage gañado cun partido menos", lembra o técnico sobre esa "bala extra que esperamos conseguir" co duelo aprazado contra o Arenas de Getxo e que recuperarán o mércores día 8.
En todo caso Domínguez resta dramatismo ao choque contra e Barakaldo porque "pase o que pase van quedar seis xornadas, e en neste tres partidos para nós os rivais o máximo que poden facer son seis puntos e ti optas a 4, 5, 6, 7, 9..."
Para este primeiro duelo o adestrador dos granates non poderá contar por sanción con Alain Ribeiro e Brais Abelenda, pero si recupera a Yelko Pino. Pola súa banda Miki Bosch "é dúbida", avanza, polas molestias musculares da última xornada. "Sen descartalo pero temos tres partidos esta semana e hai que valorar cando usalo. Podería chegar e se fose o último partido de liga 100% diría que o faría", explicou.
O adestrador ourensán defendeu ademais que a pesar dos resultados "non somos un equipo que leve sete xornadas sen gañar porque é un desastre". Por ese motivo "estou convencido de que o equipo tal como adestra, vaille a dar a volta á situación seguro. Estamos convencidos de que imos loitar até o final".
No que respecta ao rival, Rubén Domínguez analizou o Barakaldo como "un equipo bo, intenso, que vai para diante e que che fai os partidos incómodos". Chega ademais no seu mellor momento do curso e "cos niveis de confianza disparados", pero "así como as xeiras malas se cortan, as boas tamén acaban e esperemos que se xunten o final das dúas xeiras neste partido", concluíu.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.