Rubén Domínguez pide ao Pontevedra volver á súa mellor versión ante unha Ponferradina "lanzada"

Pontevedra
10 de abril 2026
Actualizado: 16:46

O técnico granate resalta a importancia do duelo do domingo para seguir na pelexa polo playoff e pide "estar o máis estables posible" así como "manter o foco en sumar cada semana"

Rubén Domínguez, adestrador do Pontevedra
Rubén Domínguez, adestrador do Pontevedra / Antía Quinteiro García

O Pontevedra Club de Fútbol afronta o partido do domingo fronte á SD Ponferradina no Estadio Municipal de Pasarón (16:00) coa mente posta en reporse da picada do mércores nas Arenas de Getxo e en aproveitar a oportunidade de recortar distancias cun rival directo polo playoff.

O técnico granate, Rubén Domínguez, recoñeceu na rolda de prensa previa ao enfrontamento que o equipo "non estivo á altura" no partido aprazado e que perdeu unha gran ocasión de marcar vantaxe co sexto clasificado, pero insiste en que a Ponferradina está "a un punto e temos a oportunidade de poder gañar polos tres puntos e o gol average".

Para o enfrontamento, o adestrador ourensán non poderá contar con Álvaro, que se lesionou no partido contra as Arenas de Getxo e estará "descartado seguro" para o domingo "e poida que para algún máis". De momento, "esperamos probas".

A Ponferradina é "o equipo máis forte agora mesmo na segunda volta", con só tres goles encaixados en 12 partidos. "Chega lanzado", subliñou Domínguez, quen afirmou que "temos claro o plan de partido e como danalos". 

Recoñeceu tamén que "o fútbol é dos futbolistas e eles tamén nos terán estudado e analizado as nosas fortalezas e debilidades", por iso pensa que será un "partido de poder a poder como foi o de Barakaldo e, lastimosamente, como non foi o do mércores".

Rubén insistiu en que a mensaxe destes días foi a de "estar o máis estables posible e, a partir desa estabilidade, malia que vai haber días en que as cousas non saian ben, temos que manter o foco en sumar cada semana". O obxectivo agoraa pasa por "meterse entre os cinco primeiros" pero sempre indo "partido a partido".

Tamén valorou o sorteo de campo, e o contar co apoio de Fondo Norte nas segundas partes dos partidos. Así ocorreu fronte ao Barakaldo, cando os granates volveron gañar o sorteo inicial e, curiosamente, tamén o duelo. "Cando atacamos contra o Fondo Norte é cando máis soa o campo e cando máis sente que esa zona enchufa ao resto do campo", explicou, engadindo que poder atacar a segunda parte cara a esa bancada "sempre é unha arma máis de fin de partido".

Respecto do seu futuro, Domínguez deixou claro que agora mesmo "só estamos enfocados no deportivo", lembrando que estivo sete tempadas noutro club e que a súa liña é "dar prioridade ás persoas que apostan por min. Neste club apostouse por min e polo meu corpo técnico, entón nós agora mesmo só estamos centrados en acabar da mellor maneira. Oxalá sexa con play-offs a Segunda, oxalá sexa cun hipotético ascenso a Segunda...".

Neste sentido, asegurou que "non falamos nada do futuro, pero non me preocupa. Non teñades a menor dúbida de que si o Pontevedra conta comigo e co meu corpo técnico, vai ser o primeiro club sen dúbida e o que estamos a valorar. Eu non miro nunca máis aló, eu miro o partido de mañá e o club no que estou. Agora mesmo é o Pontevedra e é o único no que estou centrado".

MOMENTO TENSO EN ROLDA DE PRENSA

A pesar dos bos números do Pontevedra ao longo desta tempada, alcanzando os 46 puntos que lle outorgan a permanencia de forma virtual, durante a rolda de prensa houbo un encontrón entre Rubén Domínguez e un xornalista de Radio Pontevedra sobre as críticas que recibe o equipo tanto se gaña, coma se perde ou empata.

"Refírome a xente, por exemplo, que cando as cousas van ben non flúe co equipo e cando as cousas van mal tratan de buscar problemas onde non os hai", subliñou.

Neste sentido, afirmou que hai medios que están máis interesados "en que haxa balbordo e merda ao redor do que é o verde para poder falar" e reafírmase defendendo que toda a afección debe ser "estable" e non ir "de aquí cara alá" segundo os resultados.

"Prefiro ser un infantil e un don ninguén a ser un déspota e un maleducado", rematou, cargando contra quen, segundo el, "restan no canto de sumar" e deixando claro que a súa prioridade é acabar da mellor forma posible a tempada, co obxectivo de alcanzar o playoff ou, si é posible, un hipotético ascenso a Segunda División.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora