Unha das poucas noticias negativas na vitoria do sábado ante o Barakaldo foi a expulsión de Rubén Dominguez. O adestrador do Pontevedra viu a vermella directa no minuto 23 do primeiro tempo, xusto despois de que o colexiado anulase o tanto de Luisao.
O árbitro aragonés recolleu na acta que Domínguez foi expulsado por dirixirse ao seu asistente Nº1 desde a área técnica nos seguintes termos: "Que puta vergoña!".
O propio técnico recoñeceu en rolda de prensa que "é vermella, porque o que dixen é vermella". A pesar de non estar conforme coa decisión de non dar validez ao gol, tamén aproveitou para desculparse co trío arbitral: "Quero pedir perdón aos árbitros, porque non os insultei, pero os meus modais non foron os axeitados".
A pesar do arrepentimento, todo parece indicar que Rubén Domínguez perderá as dúas próximas xornadas fronte o Arenas (mércores, 19:00) e a Ponferradina (domingo, 16:00).
Aínda que a tendencia na Primeira RFEF nas últimas semanas foi a de castigar cun só partido as protestas do corpo técnico, o antecedente da expulsión de Alberto Gil contra o CD Lugo pódenos marcar o camiño a seguir por parte do Xuíz Disciplinario á hora de ditaminar a sanción.
Naquela ocasión, a acta recolleu que o xogador granate foi expulsado por dirixirse ao árbitro nos seguintes termos: "Isto é unha vergoña!", unha expresión moi similar á utilizada por Rubén Domínguez.
A sanción foi de dous encontros ao aplicar o artigo 124 do código disciplinario, que especifíca que a suspensión por actitudes de menosprezo ou desconsideración cara aos/as árbitros/as será de dous a tres partidos.
Con este antecedente, todo parece indicar que o técnico ourensán non poderá sentar no banco nas próximas dúas xornadas. Haberá que esperar, con todo, á decisión do Xuíz Disciplinario para coñecer a sanción definitiva que deberá cumprir o ténico do conxunto granate.