Rubén Domínguez, tras gañar a Ponferradina: "Temos 4 puntos, fáltannos 41, case o 10% do obxectivo"

Pontevedra
06 de setembro 2025

O adestrador do Pontevedra moi satisfeito polo rendemento dos seus futbolistas no Toralín, destacando a un Raúl Marqueta que "dá puntos" e tamén "sobriedade ao equipo"

Rubén Domínguez, no partido entre Pontevedra e Cacereño
Rubén Domínguez, no partido entre Pontevedra e Cacereño / Cristina Saiz

A vitoria do Pontevedra a domicilio contra a Ponferradina deixou tremendamente satisfeito o adestrador dos granates, Rubén Domínguez.

Así o asegurou o técnico na rolda de prensa postpartido, na que quixo baixar da nube aos seus asegurando que "de momento temos 4 puntos, fáltannos 41. Temos case o 10 % do obxectivo".

Rubén repasou o que foi o encontro, recoñecendo que "até o minuto 10 vímonos moi asediados".

Con todo pasado o apuro "teño a sensación de que aí, desde o 10 até o 40, o partido xogouse ao que nós quixemos, volvemos perder un pouco de norte nese tramo de 7 minutos até o descanso e na segunda parte quitando ao final que xa estabamos esgotados a nivel físico, a nivel mental, a nivel todo, eu creo que foi unha segunda parte moi boa e que mesmo puidemos facer o 0 -2", analizou.

O preparador do Pontevedra mostrouse orgulloso ademais pola capacidade de resistencia dos seus, afirmando que "sufrimos ben no inicio partido e sufrimos tamén ao final".

Un dos homes do partido, ao deter un lanzamento de penalti, foi por segunda xornada consecutiva Raúl Marqueta na portaría, un gardameta que "volve ser o meu Marqueta, o Marqueta que dá puntos, que dá sobriedade o seu equipo", destacou.

En todo caso Rubén Domínguez defendeu tamén o papel do porteiro agora suplente, xa que "non hai que esquecer que para ter un bo Marqueta hai un Edu Sousa que durante a semana aperta, que no banco está a animar os seus compañeiros e que é un capitán espectacular".

O responsable do banco granate acordouse tamén da súa experiencia o pasado curso co Ourense, explicando que "eses detalles na Primeira RFEF que o ano pasado fixeron que en nove partidos non fose capaz de gañar un, hoxe danse e o equipo ten catro puntos en dúas xornadas".