Golpe sobre a mesa do Pontevedra Club de Fútbol na segunda xornada de liga, conseguindo tres puntazos (0-1) na súa visita a un dos a priori estadios máis complicados da categoría, o da Ponferradina.
Rubén Domínguez quería protexer ao seu equipo no Toralín, ante un de teóricos aspirantes esta tempada ao ascenso a Segunda División.
Por ese motivo o técnico granate variou o sistema da primeira xornada de campionato e plantexou unha aliñación con tres centrais e Eimil e Álex González nos carrís. Foi a súa principal novidade no once coa entrada nesa zaga de Montoro.
A pesar diso a Ponferradina saíu en tromba, e estivo preto de atopar premio ao primeiro de vez. Nóvoa no primeiro minuto de xogo obrigaba a lucirse a Marqueta, o heroe do empate contra o Cacereño, e pouco despois Xemi metía de novo o medo no corpo dos pontevedreses aínda que a acción estaba invalidada por fóra de xogo.
Sufría o Pontevedra, pero afrontou con apromo a situación e aos poucos foi crecendo sobre o céspede. Tardaron 13 minutos en asomar pola área rival, nunha acción individual de Eimil forzando unha perigosa falta lateral, e Juanra probouno pouco despois cun potente disparo afastado que despexou con seguridade o porteiro local, Ángel Jiménez.
Superados os abafos iniciais o xogo igualábase ao máximo, e aínda que custaba profundar os de Rubén Domínguez apenas concedían ocasións xa ao seu opoñente. Só un chute desde media distancia de Borja Vázquez inquietou a Marqueta no resto do primeiro tempo.
A máis clara de feito chegou xusto despois e foi para os granates. Brais Abelenda filtraba un balón ás costas da zaga local, Juanra chegaba por banda esquerda, centraba ao punto de penalti e Alain Ribeiro con todo a favor conectaba un remate que repeleu con problemas o gardameta da Ponferradina.
🚨Descanso no Toralín
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) September 6, 2025
⏱️HT @SDP_1922 0-0 @PontevedraCFSAD
⚽️Houbo ocasións para os dous equipos. A mellor do Pontevedra, este remate de Alain que rexeitou Ángel👇
📲En directo no enlace de https://t.co/omV1MKPHyx 👉 https://t.co/oYUHaWdmXz pic.twitter.com/k57r23F586
Co medo no corpo, os locais optaron por ser máis prudentes, sen arriegar en exceso até un descanso ao que se chegou co 0-0 inicial.
O segundo acto arrincaba con imprevistos en forma de lesións. Vidorreta tivo que abandonar o terreo de xogo aos 50 minutos con molestias no ombreiro, e no 56 tamén caía Miki Bosch. Entraban no seu lugar Nico Conesa e Adrián Expósito, ademais de Luisao que daba a substitución a Álex González.
En canto ao xogo, mantíñase a tendencia, co Pontevedra cada vez máis sólido e imponiéndo o ritmo de xogo que lle conviña. Tanto é así que a Ponferradina introducía un triplo cambio de golpe para tentar cambiar a tendencia tras un remate de cabez ade Dani Selma ás mans do porteiro berciano.
O que chegou con todo non foi a reacción local, senón o gol dos granates. Era o minuto 63 de xogo. Luisao atraía rivais cunha condución en diagonal, abría á chegada polo costado destro de Yelko Pino e o 10 poñía un centro con música para a chegada desde segunda liña de Alain Ribeiro, que conectaba un preciso cabezado ao fondo da rede. Merecido 0-1.
🚨Goooooooooooool no Toralín!!!!!
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) September 6, 2025
⏱️63' @SDP_1922 0-1 @PontevedraCFSAD
⚽️Alain RIbeiro adianta aos galegos cunha gran cabezada!!
📲En directo no enlace de https://t.co/omV1MKQfo5 👉 https://t.co/oYUHaWdUN7 pic.twitter.com/5hKxXdSIom
Non vía a luz o cadro local, e o reloxo empezaba a correr a favor dos da Boa Vila, ata que todo puido cambiar. Corría o minuto 73 e o colexiado, que non o sinalou en primeira instancia, concedía un rigoroso penalti de Montoro sobre Keita tras revisalo na pantalla de videoarbitraxe. O central vía ademais o seu segundo cartón amarelo e deixaba o Pontevedra con dez futbolistas.
Emerxeu nese momento, por segunda xornada consecutiva, a figura de Raúl Marqueta. O porteiro detiña o lanzamento de Borja Valle desde o once metros e mantiña a vantaxe. Restaban iso si algo máis de dez minutos e unha prolongación que terminou sendo enorme (14 minutos) para sufrir e resistir.
Puido non ser tanto sufrimento se Alain, a porta valeira tras centro de Tiago, acertase no que se cantaba xa como o 0-2. Non o fixo, pero aguantou o seu equipo con tesón para levar do Toralín tres puntos de ouro. Ou mellor dito, tres puntazos.
SD PONFERRADINA (0): Ángel, Ger Novoa, Boris, Undabarrena (Frimpong, min.69), Eneko, Borja Valle, Xemi (San Emeterio, min.60), Borja Vázquez, Andoni López (Keita, min.60), Pau Ferrer (Cortés, min.60), Diego Moreno.
PONTEVEDRA CF (1): Marqueta, Víctor Eimil, Miki Bosch (Adrián Expósito, min.56), Juanra, Montoro, Álex González (Luisao, min.56), Vidorreta (Conesa, min.50), Yelko Pino, Alain Ribeiro, Brais Abelenda, Dani Selma (Tiago Rodríguez, min.82).
Árbitro: Manuel Pozueta Rodríguez (Cantabria). Amoestou a Andoni López na Ponferradina e a Montoro e Bosch no Pontevedra. Expulsou a Montoro nos grandes por dobre amoestación no minuto 75.
Goles: 0-1 Alain Ribeiro (min.63)
Incidencias: Partido da segunda xornada de liga en Primeira RFEF disputado no Estadio El Toralín de Ponferrada ante 6.079 afeccionados.