Para Víctor Eimil, lateral dereito do Pontevedra CF, o partido contra a Ponferradina (sábado 6, 19:00 horas, en El Toralín) non será nada fácil. E é que os bercianos son, ao seu xuízo, "un dos favoritos ao ascenso" a Segunda División.
A pesar diso, en plena preparación para este choque, Eimil garante que os xogadores granates "imos ir a polos tres puntos", para o que levan exercitando desde o luns. "Estamos a adestrar moi ben", sinalou.
Nos últimos días, segundo apuntou en rolda de prensa, "analizamos a fondo ao rival e temos claro o que temos que preparar para plasmalo a fin de semana".
A Ponferradina será a primeira pedra de toque para un mes que se antolla difícil para o Pontevedra, que despois recibirá ao Tenerife e xogará dous partidos seguidos fóra de casa ante Bilbao Athletic e Ourense.
Sexa como sexa, Víctor Eimil ve ao Pontevedra "capacitado" para saír airoso deste transo.
"Igual este mes fas 12 puntos de 12, pensando que ías facer menos, e os seguintes 0 de 12", sinalou o lateral granate, xa que entende que a categoría de Primeira RFEF "é moi complicada xogues contra quen xogues".
O conxunto pontevedrés chegará a Ponferrada tras rabuñar un punto 'in extremis' ante o Cacereño nun partido que, a xuízo de Eimil, "fomos superiores e merecemos gañar".
Dese choque destacou especialmente o apoio que lles brindou a afección granate. "Quedei flipando con como nos axudaron, con como apertaron", afirmou o lateral galego
"Iso axudounos a facer a épica. Creo que non o sentira así na miña vida", sentenciou, a pesar de que xogou no Hércules "que tamén era unha moi boa afección".

Unha das claves das próximas semanas será, sostivo o de Vilalba, acelerar a adaptación dos novos xogadores, para o que "os que levamos desde o primeiro día temos que meter á xente o vestiario e apoialos".
Iso si, cre que estas novas incorporacións, que xa adestraron cos seus compañeiros este mércores, incluído Tiago Rodríguez -cuxo fichaxe se anunciou hoxe-, "veñen sabendo o que vai ser e creo que imos estar ben".