Rubén Domínguez sobre o Zamora: "Podémoslle disputar os puntos a calquera rival"

Pontevedra
27 de marzo 2026
Actualizado: 14:14

O adestrador do Pontevedra analizou o encontro deste sábado fronte a un rival directo como é o Zamora CF. Tamén destacou que "non expomos ningún partido con medo de ningún tipo"

Rubén Domínguez na rolda de prensa previa ao partido co Zamora

O conxunto granate visitará o Ruta de la Plata este sábado ás 16:15 para medirse ao Zamora no partido correspondente á xornada 30 de Primeira Federación. O conxunto zamorano é sétimo con 43 puntos, os mesmos que o Pontevedra, polo que o encontro cobra especial importancia en relación á pelexa polos postos de play-off neste tramo final de competición.

O técnico do equipo lerezano, Rubén Domínguez, comezou a súa comparecencia previa ao partido co habitual repaso ao estado de saúde do plantel. Yelko Pino, que será baixa por acumulación de amoestacións, será a única ausencia para o sábado. O que volve á convocatoria tras perder a xornada pasada por sanción é Diego Gómez.

A baixa de Yelko suponlle ao adestrador ourensán perder o seu máximo asistente da tempada, polo que o reto de romper a seca goleadora pode ser aínda maior. Con todo, Domínguez asegura "o importante é xerar as situacións de gol e eu creo que se están xerando"

"Levamos cinco goles anulados, ao final o equipo fixo goles que por detalles non subiron ao marcador", engadiu o adestrador do Pontevedra, que explicou que "seguro que cando gañemos ese partido ou fagamos ese gol, todo volverá á súa canle".

Ante o posible substituto de Yelko, o técnico ourensán afirma que "se estando Yelko somos un equipo bastante camaleónico, pois sen estar Yelko imos seguir séndoo".

"Hai que buscar xogadores que poidan facer ese rol e dentro diso sabemos que perder a Yelko Pino é perder un grandísimo xogador e un xogador capital para o Pontevedra", afirmou o adestrador do conxunto granate.

Tamén se destacou a falta de minutos da última fichaxe, Facu Ballardo, polo que Domínguez aclarou: "Eimil levaba tres semanas sen entrar e entrou titular o outro día. Aquí é meritocracia pura e irá entrando en función do que demande o partido e o que demande o equipo".

O Pontevedra ten a oportunidade de volver á senda da vitoria nun escenario complicado como é o Ruta de la Plata. Só o Real Avilés e o Tenerife lograron sumar de tres no feudo dun Zamora que suma catro xornadas consecutivas sen perder.

Rubén Domínguez define o seu rival como "un grupo de moi bos xogadores conformado para loitar o play-off" e que "a nivel defensivo todos os seus xogadores teñen un talento alto".

A pesar diso, este Pontevedra xa demostrou que non se engurra ante rivais de alto calibre, polo que os granates tratarán de "ser protagonistas desde o xerar ocasións". En canto ao guión do partido, Rubén Domínguez afirma que "queremos a pelota para danar e ás veces será con moitísimo control, ás veces será máis directo e ás veces será desde non tela e contraatacalos".

De feito, o adestrador ourensán destacou outras grandes vitorias da tempada como a de Balaídos, O Toralín ou Lasesarre, para explicar que "non expomos ningún partido con medo de ningún tipo. A un partido podémoslle disputar os puntos a calquera rival e con esa vontade imos".

O técnico do cadro lerezano non foi alleo ás cuestións relacionadas coa xeira de seis xornadas sen gañar: "Asino agora mesmo estar nas próximas 9 xornadas sétimos, oitavos, undécimos e que na 38 esteamos entre os 5 primeiros."

"Imos agarrarnos a ser ese equipo que entre tamén na historia recente do Pontevedra", engadiu Rubén Domínguez en relación á ilusión de cumprir o soño do play-off.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora