Lonxe quedan os anos nos que o Pontevedra Club de Fútbol, a medias entre a Primeira e a Segunda División, era un habitual nos boletos do popular sorteo de 'La Quiniela'.
A historia dos granates con este xogo de azar depara algunha anécdota que chegou a acaparar todos os focos, como cando en 1968 o equipo do 'Hai que Roelo' pechaba unha xornada de liga en Zaragoza cun dos seus xogadores, Batalla, como protagonista.
O defensor contaba con 13 acertos (non existía aínda o pleno ao 15) e marcara cunha 'X' o partido entre maños e pontevedreses.
O resultado acabou sendo de 2-2 e o xogador granate levou un bo pico do sorteo, xerando debate pero sen sospeitas de amaños como os que moitos anos despois chegaron a prohibir as apostas entre os deportistas e os seus achegados.
Na actualidade, afastados do fútbol profesional, os pontevedreses non están xa afeitos ver ao seu equipo en 'La Quiniela' e prognosticar os seus resultados cun 1-X-2. Até esta semana.
Ante o parón da Primeira División polos partidos das seleccións nacionais, Lotarías y Apuestas del Estado incluíu no seu boleto desta semana o encontro entre Zamora e Pontevedra, do próximo sábado 28 de marzo (16.15 horas) no Estadio Ruta de la Plata.
O boleto está conformado por dez dos partidos da xornada de Segunda División (queda excluído o Córdoba-Mirandés previsto para o venres) xunto a cinco encontros de Primeira RFEF.
Ademais do Zamora-Pontevedra estes choques son o Mérida-Racing de Ferrol, o Ourense CF-Ponferradina, o Ibiza-Alcorcón e o Hércules-Marbella.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.