Rufo encandea a Pasarón nunha goleada sanadora do Pontevedra ante o Real Madrid Castilla (4-0)

Pontevedra
01 de marzo 2020

O dianteiro granate protagonizou a súa primeira gran actuación en Pasarón cun hat-trick ante o filial madridista que levantou á bancada e deulle un triunfo  balsámico ao seu equipo deixando atrás unha mala serie de 9 xornadas sen gañar. Jesús Ramos prolonga o seu idilio no banco e xa suma esta tempada, nas súas dúas etapas ao cargo, 10 puntos de 12 posibles

Partido entre Pontevedra e Real Madrid Castilla en Pasarón da tempada 19-20
Partido entre Pontevedra e Real Madrid Castilla en Pasarón da tempada 19-20 / Cristina Saiz
Rolda de prensa de Raúl González tras o Pontevedra-Castilla /

Ao fin chegou a vitoria. Despois de 10 partidos sen saborear o triunfo (9 en liga e 1 en Copa), o Pontevedra Club de Fútbol volveu sorrir superando con merecemento o Real Madrid Castilla en Pasarón. Un partido que debe servir para recuperar a confianza perdida e que reforza a boa entrada de Jesús Ramos como encargado do banco: 4 puntos en dous partidos que sumados aos dous encontros dirixidos tras a saída de Luismi colócanlle con 10 puntos de 12 posibles.

O técnico, na súa reestrea ante a afección pontevedresa, apostou polo mesmo once que fixo táboas 7 días atrás co Atlético B, fóra da entrada de Campillo pola ausencia por lesión de Nacho López, de novo con Romay como acompañante de Sana na medular e José García na mediapunta.

En fronte os granates tiñan a un filial madridista con moitos quilates no banco, con Raúl González ao mando, e sobre o céspede, con futbolistas como o brasileiro Reinier. Seus foron os primeiros minutos do duelo, ameazando a área defendida por Edu sobre todo nun balón filtrado por Fidalgo entre liñas para que Baeza encarase a Edu, aínda que o porteiro desviou no cruzamento a córner ante a petición de penalti dos visitantes.

Álex Gonzálex tentou responder cun disparo afastado, e o Pontevedra empezou aos poucos a crecer co paso dos minutos. Churre, imperial no corte, tomou a testemuña anticipándose ao seu par e progresando ata o bordo da área para poñer un centro ao segundo pau que Rufo non puido tocar reclamando un  agarrón pero que Álex rematou ao pau. Era o minuto 17 e o campo, cada vez con máis auga, empezábase a decantar en favor dos locais.

A sensación de perigo foi crecendo. Bustos tivo unha boa opción pasada a media hora, atopándose cunha gran resposta de Altube en portería, ata que apareceu a nova conexión de moda nos granates, a composta por José García e Rufo. O primeiro avanzou ata o pico da área polo costado destro para poñer un balón tépedo ao segundo pau que Rufo tirándose de cabeza converteu no 1-0.

Créronllo os granates e foron decididamente a por o partido. Romay probouno de lonxe forzando un córner. Só pasaran 5 minutos desde o primeiro gol cando de novo José García, esta vez desde a esquina, púxoa á área atopando a cabeza de Rufo, saltando e marcando os tempos nunha manobra de libro para bater de novo a Altube tras pegar o coiro no pau e coarse ata o fondo da rede. A bancada celebrou ao grande o segundo gol do seu novo dianteiro, o terceiro desde que aterrou no club e non sería o último.

Durante o descanso seguiu chovendo con forza, e a choiva converteuse finalmente en protagonista. Á volta de vestiarios o balón empezou a non rodar con facilidade, con charcos nalgunhas zonas que converteron o duelo nunha batalla. Con 2-0 no marcador, Jesús Ramos optou por replegar o seu equipo e buscar algunha opción á contra ou en accións en longo, mentres que no Castilla Raúl moveu o banco para revolucionar aos seus.

Todo puido cambiar só 3 minutos despois, no 48, nunha acción en longo do filial que colle a Zabaleta saíndo e rompendo o fóra de xogo e na que Edu dubidou na saída dando opción a unha vaselina de Marc Gual que por fortuna marchouse alta. A partir de aí o fútbol empezou a brillar pola súa ausencia e os minutos ían avanzando a favor dos locais, limitándose as ocasións a un disparo de Marc que parou Edu e a outro afastado de Sana que se foi desviado.

Foi así ata o minuto 76, cando o Castilla puido reengancharse nun erro de Adrián que aproveitou Pablo para encarar a Edu, pero o gardarredes gañou o man a man negándolle o gol. Ese tanto chegou na área contraria, e de novo por obra e graza do protagonista da xornada Rufo. O ariete non desaproveitou na seguinte xogada un servizo de Álex González desde o costado zurdo para fusilar de novo de cabeza a Altube asinando o seu particular 'hat- trick'.

Aí acabouse a resistencia visitante, pero non o goce dunha bancada que se esqueceu das laias desta tempada e aínda puido gritar o golazo de Álvaro Bustos, necesitado de confianza e alegrías, que viu adiantado ao porteiro madridista e bateuno desde tres cuartos de campo, Celebrouno con rabia, como todo o equipo, e é que falta facía unha vitoria así para recobrar impulso para a parte final da tempada.

O cambio final de Rufo para a ovación pechada da bancada foi o colofón perfecto á goleada a un filial afogado pola auga e pola intensidade dos granates. O Pontevedra Club de Fútbol volveu, esperemos que para quedar, e Pasarón ten novo ídolo.

PONTEVEDRA CF (4): Edu, Campillo, Churre, Jaouad, Zabaleta, Sana (Adrián Cruz (min.63), Romay, Álex González, Bustos, José García (Adighibe, min.72), Rufo (Pedro Vázquez, min.81).

REAL MADRID CASTILLA (0): Altube, Fran García, Ayoub (Marvin, min.46), Fidalgo, Guillem (Chust, min.46), Javi Hernández, Blanco, Gila, Reinier (Pablo, min.69), Marc Gual, Baeza.

Árbitros: Josep Subirats Matamoros, auxiliado nas bandas por Jesús Mira García e Álex López Kassem (Cataluña). Amoestou a Sana, Bustos e Romay no Pontevedra e a Blanco e a Marc Gual nos visitantes.

Goles: 1-0 Rufo (min.36); 2-0 Rufo (min.41); 3-0 Rufo (min.78); 4-0 Álvaro Bustos (min.80).

Incidencias: Partido da xornada 27 de liga da Segunda División B disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante ao redor de 3.500 espectadores.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora