Rufo renova co Pontevedra ata 2024

Pontevedra
13 de setembro 2021

O dianteiro madrileño, que concluía a súa vinculación coa entidade granate o próximo mes de xuño, rubricou a súa renovación por dúas campañas máis: "Era o meu desexo e o do club e estou contento que chegásemos a un acordo para facelo posible"

Lupe Murillo e Rufo tras pechar a renovación do dianteiro ata 2024
Lupe Murillo e Rufo tras pechar a renovación do dianteiro ata 2024

Golpe de efecto do Pontevedra Club de Fútbol, renovando cando apenas se iniciou a tempada un dos seus xogadores máis cobizados.

Rufino Familiar Sánchez 'Rufo' seguirá vestindo a camiseta granate ata 2024, segundo anunciou o club a última hora deste luns a través dun comunicado.

Rufo, que aterrou en Pasarón no mercado invernal da tempada 19-20, concluía a súa vinculación co Pontevedra o próximo mes de xuño, prolongando por tanto agora ese vínculo dúas campañas máis.

"Era o meu desexo e o do club e estou contento que chegásemos a un acordo para facelo posible", sinalou o futbolista.

"Aínda que demos un paso atrás a pasada tempada, ás veces hai que dar un paso atrás para dar dous adiante, e creo que isto vai ir para arriba. Estou moi feliz desde o día que cheguei, a miña familia tamén e iso tamén é moi importante. Espero que consigamos moitas cousas boas e os obxectivos son os máximos", explicou o dianteiro nunha entrevista difundida polo propio Pontevedra.

Desde a súa chegada Rufo xogou 33 partidos de liga co Pontevedra, nos que anotou 16 goles converténdose en toda unha referencia para os seus compañeiros e para a afección.

En relación ao comezo de tempada, con dous empates lonxe das expectativas creadas, o 'killer' granate pediu "un pouco de tranquilidade. Temos que ter calma, deixar traballar e o míster e os resultados irán chegando", asegurou.