"Salto de calidad" para a segunda edición do Torneo Cidade do Lérez de ximnasia rítmica

Pontevedra
26 de novembro 2015

O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra acollerá o vindeiro sábado, 28 de novembro, unha competición que reunirá "a los mejores equipos de Galicia y al mejor de España en categoría infantil y junior", segundo explicou Carmelo Vázquez, presidente do Club Treboada

Presentación do II Torneo Cidade do Lérez de ximnasia rítmica Cristina Saiz

O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra será escenario o vindeiro sábado, 28 de novembro, do segundo Torneo Cidade do Lérez de ximnasia rítmica, organizado polo Club Treobada.

A cita dá "un salto de calidad" con respecto á súa primeira edición, segundo defende Carmelo Vázquez, presidente do club pontevedrés, ao reunir "a los mejores equipos de Galicia y al mejor de España en categoría infantil y junior".

En total serán 37 os clubs que compitan en Pontevedra, 210 ximnastas desde a categoría benxamín ata a senior na modalidade de conxuntos.

Será en horario matinal, de 10:00 a 13:00 horas, pero cunha programación que pola tarde se completa cun clinic de formación para adestradoras e tamén para as propias ximnastas.

A aspiración do Treboada é converter o Cidade do Lérez nunha referencia da ximnasia rítmica no norte peninsular, polo que traballarán en seguir subindo o seu nivel para atraer aos mellores clubs nacionais e tamén buscar a participación estranxeira.