Samuel Gómez, un pivote para pechar o plantel do Teucro

Pontevedra
22 de agosto 2015

O Teucro confirma a contratación do xogador andaluz, de só 19 anos e que chega procedente do Cajasur Córdoba de Primeira Nacional. "A posibilidade presentóusenos o venres pola mañá e a mediodía xa chegaramos a un acordo", explica Quique Domínguez sobre a rapidez nas negociacións

Samuel Gómez tras gañar o bronce no Europeo xuvenil de 2014
Samuel Gómez tras gañar o bronce no Europeo xuvenil de 2014

Fichaxe exprés na Sociedad Deportiva Teucro, que reforza a posición máis débil do equipo para dar por pechado o plantel do seu regreso a Asobal.

O equipo pontevedrés confirmou este sábado a incorporación de Samuel Gómez, pivote andaluz de só 19 anos que chega procedente do Cajasur Córdoba de Primeira Nacional.

Samuel reforzará así unha posición na que o único especialista ata agora era Gonzalo Carró.

Con 1,96 metros de estatura e 110 quilos de peso, Samuel Gómez é "un pivote moi corpulento que se desenvolve ben na liña de 6 metros, gaña ben a posición e non é nada doado defendelo, é moi forte e ten boas mans", segundo o define o seu novo adestrador, Quique Domínguez.

O técnico azul referiuse ademais á rapidez das negociacións, xa que "a posibilidade se nos presentou o venres pola mañá e a mediodía xa chegaramos a un acordo. Demostrou que te moitas ganas de vir ao Teucro".

Samuel, que asina por dúas tempadas co club teucrista, incorporarase o próximo luns aos adestramentos. Na súa aínda curta carreira, ademais das súas actuacións na Primeira Nacional, destaca a medalla de bronce que gañou coa Selección Española xuvenil no Europeo de 2014.