San Miguel, un día para botar a correr en Marín

Marín
27 de setembro 2018

A tradicional Milla Urbana San Miguel de Marín chegará o vindeiro sábado 29 de setembro á súa XXI edición esperando congregar a preto de medio milleiro de atletas nas súas diferentes categorías

Presentación da XXI Milla Urbana San Miguel Concello de Marín

É xa un clásico do atletismo local e autonómico e quéreo volver demostrar no seu día, o 29 de setembro, San Miguel.

A XXI edición da Milla Urbana San Miguel volverá encher Marín de ambiente deportivo sumándose a todo un sábado de celebración na vila.

A proba deportiva foi presentada este mércores na Alameda, onde se explicou que "teremos aquí aos mellores atletas galegos e tamén do panorama nacional", sinalou Gonzalo Méndez como responsable da organización.

En total espérase poder chegar á cifra de medio milleiro de deportistas inscritos entre a diferentes categoría, unha participación reseñable tendo en conta o número de carreiras previstas nas mesmas datas en Galicia.

"Temos que destacar unha vez máis a participación das categorías menores, con máis de 200 deportistas", resaltou Méndez.

A competición comezará ás 17:00 horas da tarde coa categoría sub-10, e desde ese momento irán disputándose carreiras nas diferentes idades ata chegar á milla elite feminina (19:30 horas) e masculina (19:45 horas), todo eles no habitual circuíto da Avenida de Ourense homologado pola Real Federación Española de Atletismo.