San Patricio tamén se celebra no campo de rugby

Pontevedra
21 de marzo 2015

O campo de Monte Porreiro acolleu durante a mañá do sábado o Torneo Internacional de San Patricio organizado polo Mareantes RCP

Torneo San Patricio de rugby entre Mareantes e Zalaeta
Torneo San Patricio de rugby entre Mareantes e Zalaeta / PontevedraViva

O bo ambiente presidiu durante a mañá deste sábado o Torneo Internacional de Rugby San Patricio, organizado polo Mareantes RCP.

A parte deportiva da celebración do club pontevedrés contou coa presenza dos xogadores británicos do Hallifax.

Ante eles o equipo masculino disputou un entretido encontro no que se mesturaron xogadores de ambos os dous conxuntos e que caeu do lado visitante por 15 a 22.

Antes o conxunto feminino, que volveu á competición esta tempada, gozou dun amigable ante o Zalaeta, club que recupera tamén á súa sección feminina de cara ao próximo curso.

O partido rematou cun resultado de 32-5 a favor do Mareantes.

Ao final de ambos os dous encontros xogadores e xogadoras difrutaron do terceiro tempo na carpa instalada na Praza de España.