Santiago de Compostela, primeira convocatoria da tempada para a 'Marea Granate'

Pontevedra
27 de agosto 2024

O Pontevedra Club de Fútbol quere estar acompañado polos seus afeccionados fronte á SD Compostela no santiagués Estadio Vero Boquete San Lázaro, o vindeiro domingo 8 de setembro (17.00 horas)

Afección do Pontevedra no Vero Boquete
Afección do Pontevedra no Vero Boquete /

Aínda non empezou oficialmente a liga en Segunda RFEF pero o Pontevedra Club de Fútbol xa mira de esguello cara á segunda xornada de competición, que supoñerá o seu primeiro desprazamento do curso.

O club granate quere estar acompañado polos seus afeccionados fronte á SD Compostela no santiagués Estadio Vero Boquete San Lázaro, o vindeiro domingo 8 de setembro (17.00 horas).

Repetir a imaxe do masivo desprazamento da pasada campaña, co ascenso en xogo, será difícil, pero confían desde a Boa Vila en que sexan moitos os afeccionados que se despracen a apoiar o equipo na capital galega. 

As entradas para este partido poderán retirarse fisicamente ata o xoves día 5 de setembro nas oficinas de Pasarón ou a través da plataforma en liña da SD Compostela, sendo a zona reservada para os seguidores pontevedreses os sectores 2 e 3 da bancada de Preferencia. O prezo das mesmas será de 15 euros para o público adulto (desde os 17 anos), de 5 euros para os menores de 0 a 16 anos, ou de 10 euros para os posuidores do Carné Xove.

Ademais o Pontevedra habilitou unha viaxe organizada en autocar para os seguidores que o desexen, cunha expedición que partirá o mesmo día do partido ás 15.00 horas desde o Pavillón Municipal dos Deportes. Neste caso o prezo (viaxe + entrada) fixouse en 25 euros, 15 euros para os menores de 16 anos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora