O Orión, patroneado por Javier Pérez, alzouse esta fin de semana como vencedor do Campionato Galego de Cruceiros organizado polo Real Club Náutico de Sanxenxo no 27º Trofeo Hotel Carlos I Silgar - 39ª Regata Ruta de Las Islas.
A embarcación do Monte Real Club de Yates de Bayona certificou o título grazas á súa regularidade ao longo das tres mangas disputadas durante a fin de semana.
Despois de que o Travesío, de Álvaro Martínez, arrincase a competición como líder, o Orión logrou darlle a volta á clasificación para alzarse co campionato por unha estreita marxe de medio punto.
O Travesío finalizou coa medalla de prata mentres que La Gitana, de José Ángel Quintero, completou o terceiro chanzo podio.
A competición puido desenvolverse integramente segundo o programa previsto. A primeira xornada estivo marcada pola tradicional navegación ao redor das illas de Ons e Onza mentres que a segunda se resolveu con dous bastóns ao vento validados para todas as categorías.

O vento do suroeste acompañou durante toda a xornada, permitindo completar as tres probas previstas coa participación de máis dunha vintena de embarcacións.
Na categoría ORC 3, o Namasté, de Luís de Mira, tamén representante do Monte Real Club de Yates de Bayona, confirmou o seu dominio para facerse coa vitoria. O One, de Francisco Javier del Caño, foi segundo e La Etrusca, de Alba Gago, terminou en terceira posición.
En Clásicos, o Daikiri, do Real Club Náutico de Sanxenxo, adxudicouse o Trofeo Hotel Carlos I Silgar tras superar ao Hunter's Moon, de Xosé Avelino Ochoa e ao Adaxe Catro-Varadoiro do Xufre, de Alejandro Diéguez.
A entrega de premios puxo o broche final á competición nas instalacións do Real Club Náutico de Sanxenxo.
Contou coa presenza da directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Blanca García Señoráns; o concelleiro de deportes do Concello de Sanxenxo, Marcos Guisasola; o director do Hotel Carlos I Silgar, Leonardo López; o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; e os directivo do club, Modesto Preto e Fernando Casas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.