Sanxenxo devolve a Galicia ao circuíto Arena Handball Tour de balonmán praia

Sanxenxo
26 de maio 2022

Ademais do Campionato de España de Balonmán Praia para Seleccións Autonómicas, a localidade pontevedresa albergará este verán un torneo Arena 1.000

Presentación no CSD do Arena Handball Tour 2022
Presentación no CSD do Arena Handball Tour 2022 / Real Federación Española de Balonmano

O Arena Handball Tour 2022, o circuíto de balonmán praia organizado pola Real Federación Española de Balonmán, regresará este verán a Galicia da man de Sanxenxo.

A localidade pontevedresa, que tiña previsto acoller xa o Campionato de España de Seleccións Autonómicas, será sede ademais dun torneo Arena 1.000 do prestixioso circuíto.

Ambos os dous eventos desenvolveranse de maneira paralela a fin de semana do 24 ao 26 de xuño, tal e como se confirmou na presentación no Consello Superior de Deportes da edición 2022 do Arena Handball Tour.

"Queremos romper o tópico e dicir que gozaremos do mellor evento de balonmán praia do verán", defendeu no acto o presidente da Federación Galega de  Balonmán, Bruno López.

O Arena Handball Tour contará ademais cunha primeira cita coa Copa de España do 3 ao 5 de xuño en Torrox (Málaga), seguida de Sanxenxo, un torneo Arena 1.000 na localidade portuguesa de Nazaré (8-10 de xullo), o torneo Arena 1.000 de Almería (15-17 de xullo), o Campionato de España de Clubs que se celebrará en Orihuela (29-31 de xullo) e a Copa de España de Melilla (12-14 de agosto).