A terceira edición do Rallye de Pontevedra. Memorial Miguel Álvarez está xa ao virar a esquina. Celebrarase entre os días 18 e 20 de xullo e, ademais de distintas probas en Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Meaño, terá a Sanxenxo como "porto base".
Esta competición, que se presentou oficialmente este martes nas instalacións do Real Club Náutico de Sanxenxo, está incluída no Campionato de Galicia de Rallyes do Asfalto.
Arrancará o venres 18 coas verificacións administrativas e técnicas na Praza dos Barcos e, a continuación, haberá unha cerimonia de saída que incluirá a disputa dun tramo espectáculo cronometrado no parque empresarial de Nantes.
Ao día seguinte, a carreira desprazarase á contorna do campo de fútbol de Portonovo, desde onde os coches partirán cara os tramos.
As saídas están previstas para as 8:54, 13:36 e 18:18 horas desde Vilarchán, pasando por Mirón, Borela (Cerdedo-Cotobade) e volvendo a Ponte Caldelas pola estrada Pé da Múa para finalizar ás portas da Igrexa de Santa Baia.
Unha vez terminada a proba, os vehículos regresarán ao campo municipal de Baltar para asistir á entrega de premios, valorados nun total de 7.600 euros.
Diana Rivas, tesoureira da escuadra Congostra Team Sanxenxo agradeceu a implicación público-privada neste evento, especialmente á escuadra Pontevedra 1984 "por permitir usar este nome e poder facelo co nome de Miguel Álvarez que tanto fixo por este deporte".
A organización prevé o desprazamento dunhas mil persoas a Sanxenxo, mentres que estima que o público asistente poderá superar os quince mil afeccionados ao motor.