Satisfacción no Voleibol Pontevedra tras a súa participación no Campionato de España Infantil

Pontevedra
21 de maio 2019

O conxunto infantil feminino do club pontevedrés viaxou ata As Palmas de Gran Canaria para tomar parte na competición nacional, na que conseguiu un meritorio 12º posto

Equipo infantil feminino do Club Voleibol Pontevedra que participou no Campionato de España
Equipo infantil feminino do Club Voleibol Pontevedra que participou no Campionato de España / Club Voleibol Pontevedra

A participación do Club Voleibol Pontevedra no Campionato de España Infantil Feminino saldouse cunha valiosa experiencia e un notable resultado para as pontevedresas.

O equipo do CVP, tras conseguir o título autonómico en abril nunha fase final disputada na casa, no pavillón Multiusos, desprazouse ata As Palmas de Gran Canaria para enfrontarse aos mellores países do país, e fíxoo dando a talla.

As xóvenes xogadoras pontevedresas conseguiron un meritorio 12º posto entre os 30 clubs participantes.

O CVP abriu competición contra unha dos favoritos, o CV Sant Cugat, caendo nun disputado partido por 2-0. Na segunda xornada disputaron os outros dous partidos de grupo gañando por 2-0 ao Ponferrada e perdendo ante o Licenciados Reunidos de Estremadura.

A pesar da segunda derrota, o resultado propiciou o pase a oitavos de final, onde esperaba o Manacor, primeiro do seu grupo con pleno de vitorias e que non deu opción á sorpresa vencendo por 3-0, facendo que entrasen a disputar a fase polo posto 9-16.

O primeiro partido desta fase foi contra o Vall d'Hebrón, cun resultado final de 3-2 para o Club Voleibol Pontevedra, que lles permitía xogar polos postos 9-12. Así, enfrontáronse ao Cajasol Juvasa de Sevilla e pola tarde ao MC San José de Almería, nun partido moi igualado con resultado de 3-2 a favor das almerienses.

Unha gran imaxe a mostrada polo conxunto pontevedrés que lle valerá como experiencia para seguir aprendendo e mellorando o seu nivel no futuro.