Segundo doblete para Bea Gómez no Nacional de Piscina Curta de Sabadell

Pontevedra
13 de decembro 2014

A pontevedresa colgouse a prata nos 400 estilos e o bronce nos 400 libre e suma xa catro medallas nas dúas xornadas disputadas. Aínda conta con opcións de podio no terceiro e último día

Bea Gómez no 400 estilos do Nacional Open de Pontevedra
Bea Gómez no 400 estilos do Nacional Open de Pontevedra / Diego Torrado

Bea Gómez Cortés empeñouse en reivindicarse no Campionato de España en Piscina Curta que se está a celebrar en Sabadell.

Tras quedar fóra do equipo nacional para o Mundial de Doha a pontevedresa estase mostrando nun bo momento de forma nadando en tempos que se achegan ás súas mellores marcas.

Eses rexistros valéronlle xa á pontevedresa catro medallas, pois ás dúas logradas na primeira xornada Bea sumou unha nova prata e un bronce no segundo día de competición.

A nadadora do Galaico finalizou segunda nos 400 estilos (4:32.47) sendo superanda pola intratable Mireia Belmonte (4:26.86), mentres nos 400 libre foi terceira (4:04.63) trala propia Mireia Belmonte (3:55.36) e Melani Costa (4:02.53).

Ata o momento pleno de podio nas catro probas nadadas por Gómez Cortés, e esa colleita podería aínda ampliarse na última xornada de competición na que Bea nadará os 100 braza e os 800 libre.

Pola súa banda Paula Goyanes logrou unha meritoria décimo sétima praza nos 400 estilos (4:54.72), distancia na que Nuria Erselle marcou un tempo de 5:14.34 (50ª). Goyanes tamén nadou os 200 costas terminando trixésimo quinta (2:20.08).

Ademais Iria García terminou no posto 33 (4:23.24) e Alicia Conde no 50 (4.29.63) dos 400 libre.

Tamén competiu o relevo 4x200 libre feminino, finalizando na sétima praza (8:16.23).