A Sociedad Gimnástica Pontevedra comezou a liga de clubs este sábado cunha emocionante dobre xornada. O equipo masculino desprazouse até Salamanca para quedar en terceira posición (176 puntos), mentres que o feminino non saíu de terras galegas para lograr unha segunda praza (186 puntos) en Pereiro de Aguiar, Ourense.
As competicións celebráronse de forma simultánea ao longo da tarde deste sábado. O masulino, que afronta a competición co obxectivo de salvarse sen apuros en División de Honra, enfrontouse ao Atletismo Albacete, Unicaja Jaen Paraíso Interior e o club anfitrión, o Atlético Salamanca.
Carlos Revuelta foi a primeira gran noticia da tarde cunha segunda posición en lanzamento de martelo. A súa marca de 58.30 permitiu ao club pontevedrés sumar a segunda máxima puntuación na proba que abriu a xornada.
Yannik Vila seguiulle cunha terceira posición en salto de altura e Óscar Prieto terminou segundo na modalidade de pértega, proba na que Oriol Almirall quedou en cuarta posición. Quen tivo unha destacada actuación ao achegar a máxima puntuación foi Sergio Coello, gañador en salto de lonxitude (7.36 metros).
Darío Ortega logrou tamén unha meritoria primeira posición en 400 metros valas e Oriol Madi foi terceiro na prueba de 400 metros lisos. Pedro Osorio achegou tamén oito puntos á marcadora do club pontevedrés co seu primeiro posto en 800 metros lisos.
Avanzou a competición cunha boa segunda posición de Mario Revenga en 110 metros valas, resultado que Jonathan Correa trasladou á proba de lanzamento de xavelina con sete puntos máis para o equipo.
Daniel Chamosa non fallou no 5.000 metros marcha, proba que gañou con solvencia. A xornada terminou coa carreira de relevos en 4x400, que deixou tamén unha destacada vitoria da Gimnástica con protagonismo de Darío, Pedro Osorio, Sergio Rodríguez e Oriol Madi. Un total de 176 puntos para o club lerezano, que terminou a xornada en terceira posición.
En canto ao feminino, as atletas do club pontevedrés afrontaron esta primeira xornada de Primeira División no Complexo Monterrey. Esta sería a primeira proba de cara a lograr un ambicioso ascenso a final de tempada. As rivais do fin de semana para o equipo lerezano foron o Club Atletismo Ourense, Atletismo Feminino Celta e o Barrutia A.E.
Sara Faraldo foi a primeira en lograr a máxima puntuación para a Gimnástica en salto de altura, proba con protagonismo para outra atleta do club lerezano como Noa Currás, que terminou terceira.
Lucía Sánchez foi segunda nunha axustada proba de salto de lonxitude e Lía Caride arrasou nos 400 metros valas para darlle oito puntos máis ao equipo. Meritorio segundo posto para Lara López en 400 metros lisos e mellor marca persoal para María Estevez, que foi terceira no 800 metros.
Outro dos grandes resultados chegou no 1.500 metros da man de Sabela Martínez, que sumou a máxima puntuación do mesmo xeito que Gema Dacosta en lanzamento de peso.
Contribuíron á causa con boas puntuacións Claudia Puig, segunda en xavelina, e Lucía Sánchez del Valle, terceira en 100 metros valas. Alba Pérez tampouco quedou atras cunha segunda posición en 5.000 metros marcha.
Segundo e terceiro posto para Paula Fernández e María Estévez no 3.000 metros lisos e bronce tamén da Gimnástica no 4x100.
Terminou a xornada ao grande cunha vitoria do club pontevedrés na proba de relevos 4x400. Lara López, Sabela Martínez, Meritxel Pajuelo e Lía Caride protagonizaron unha gran carreira que permitiu á Gimnástica Pontevedra sumar un total de 186 puntos para terminar en segunda posición.