Fai xa máis dunha tempada da súa retirada das pistas, pero a importancia de Silvia Aguete no fútbol sala feminino nacional segue intacta.
Así o demostrou a homenaxe á súa traxectoria que se lle tributou con motivo dos encontros internacionais disputados en Galicia entre España e Portugal.
A exgardameta pontevedresa acudiu ao amigable disputado en Vilalba e recibiu de mans da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) unha camiseta co número 67, o das súas internacionalidades.
Non é unha cifra menor, e é que Silvia segue a ser a oitava xogadora na historia da Selección Española con máis partidos disputados.
Co equipo nacional gañou tres campionatos de Europa, e por medio foi nomeada mellor porteira do mundo no ano 2020.
Foi, segundo ela ha mesmo recoñeceu en declaracións ofrecidas á RFEF, "toda unha sorpresa, non mo esperaba".
"Vin ver o partido simplemente por volver ver ás compañeiras e ao corpo técnico, que desde que deixei de xogar facía moito que non os vía. Atopei coa homenaxe e a verdade que estou moi agradecida", explicou a pontevedresa.
"Os meus mellores recordos do fútbol sala tívenos aquí na Selección. Non só nas finais dos europeos, senón a nivel humano, a unión desta familia e este equipo, foi o máis bonito que vivín", engadiu.
E é que Silvia Aguete non se esquece do fútbol sala porque "para min foino todo e axudoume a crecer como persoa".
🫶 𝗦𝗶𝗹𝘃𝗶𝗮 𝗔𝗴𝘂𝗲𝘁𝗲, 𝗺𝗲𝗿𝗲𝗰𝗶𝗱𝗼 𝗿𝗲𝗰𝗼𝗻𝗼𝗰𝗶𝗺𝗶𝗲𝗻𝘁𝗼 𝗮 𝘂𝗻𝗮 𝗯𝗿𝗶𝗹𝗹𝗮𝗻𝘁𝗲 𝘁𝗿𝗮𝘆𝗲𝗰𝘁𝗼𝗿𝗶𝗮 🇪🇸
— Selección Española Femenina de Fútbol (@SEFutbolFem) October 8, 2025
- @silviaagu1 #FutsalEspaña pic.twitter.com/JBHrv9tmuR