Semana para recuperar aos tocados antes de afrontar o 'Tourmalet'

Pontevedra
04 de novembro 2015

O Teucro retoma este mércores os adestramentos nunha semana diferente, sen partido a fin de semana polos compromisos da Selección Española. Os azuis non volverán xogar ata o mércores 11 ante o poderoso Naturhouse La Rioja

Primeiro adestramento do Teucro 2015/2016

O primeiro equipo da Sociedad Deportiva Teucro retoma este mércores os adestramentos tras varios días de descanso nunha semana atípca, na que non afrontarán ningún partido a fin de semana.

O compromiso internacional da Selección Española en Polonia paraliza por unha semana a liga Asobal, situación idónea para recuperar o ton físico de varios xogadores, que nas últimas semanas arrastraron diversas molestias físicas.

É o caso especialmente de David Chapela, con problemas no ombreiro, e Edu Moledo, que leva varias semanas sufrindo dor nas costas.

O corpo técnico teucrista planificou unha semana de adestramentos con descanso o domingo para preparar a visita ao Municipal, o mércores 11 de novembro (20:45 horas), do potente Naturhouse La Rioja.

Será un partido adiantado pola participación na Champions do conxunto rioxano, circunstancia que volverá dar dez días aos pontevedreses antes de afrontar o segundo duelo do seu Tourmalet particular, a viaxe á cancha do todopoderoso Barcelona (21 de novembro), equipo que non perde en liga desde o 18 de maio de 2013.

Desta forma Quique Domínguez, aínda que con precaución cos tocados, contará con tempo para corrixir o erros dos últimos partidos, algo que se fai imprescindible para poder conservar primeiro a súa condición de invicto como local e conseguir despois plantar cara a un dos mellores equipos de Europa.

JOSÉ MANUEL RIAL, COA SELECCIÓN ESPAÑOLA UNIVERSITARIA

O técnico azul non poderá contar ata a próxima semana cun dos seus xogadores, José Manuel Rial, ao estar convocado pola Selección Española Universitaria, que coincidindo en datas e lugar coa Absoluta disputa un torneo amigable.

Rial viaxa este xoves a Polonia para afrontar senllos partidos cos segundos equipos de Polonia, Noruega e Dinamarca.