A XXXVIII San Silvestre de Pontevedra non puido recuperar do todo a normalidade, cunha edición 'máis silvestre' como rezaba o seu lema celebrada na Xunqueira de Alba, pero si hai algo que mantivo como cada ano, o seu carácter solidario.
Durante a recollida dos dorsais para a carreira popular, con máis de 2.000 atletas rexistrados, procedeuse a recoller alimentos non perecedoiros para a súa posterior doazón, un requisito que nesta ocasión era obrigado para poder recibir a cambio unha camiseta da proba xunto á inscrición gratuíta.
O resultado desbordou todas as previsións, cunha onda de solidariedade que levou a recadar ata 2,3 toneladas de alimentos non perecedoiros.
Todo este material foi entregado este venres á Fundación Banco de Alimentos na súa sede pontevedresa con presenza de representantes do club organizador, a Sociedad Gimnástica, e do Concello a través do edil de Deportes, Tino Fernández.
"Sempre foi unha parte moi importante desta San Silvestre e este ano tivo unha bísima acollida", sinala o director técnico do evento, Víctor Riobó, avanzando que a campaña de recollida seguirá activa uns días máis. "Dado que sempre facemos un número de camisetas superior ao de participantes previstos, a campaña aínda segue adiante e tentaremos liquidalas todas nas próximas dúas semanas. Quedaron ao redor dunhas 300, moitas delas de persoas que se inscribiron e que finalmente non puideron correr, fose por confinamento ou por outros motivos", confirmou.
"Non esperabamos esta recollida tan extraordinaria, de case dúas toneladas e media de alimentos, que lle agradecemos á Sociedad Gimnástica e á Concellería", sinalou pola súa arte José Luis Doval, responsable da Fundación.
En canto ao edil de Deportes, Tino Fernández, quixo agradecer "aos veciños e veciñas de Pontevedra que sexan tamén exemplares á hora de axudar aos máis necesitados".