Sen apenas cambios pero con diversión garantida na XXXIII San Silvestre de Pontevedra

Pontevedra
22 de decembro 2016

A Sociedad Gimnástica presentou este xoves o evento deportivo máis popular do ano, que se celebrará o día 31 de decembro, pedindo aos participantes que se inscriban e non corran sen dorsal "entre otras razones por seguridad". Ata o momento anotáronse máis de 900 persoas, pero o prazo manterase aberto ata o propio día 31 e espérase unha avalancha de solicitudes durante os días previos

Presentación da XXXIII San Silvestre de Pontevedra
Presentación da XXXIII San Silvestre de Pontevedra / PontevedraViva

A Sociedad Gimnástica presentou este xoves no Concello de Pontevedra a proba deportiva máis popular do ano, a XXXIII San Silvestre que se celebrará o próximo 31 de decembro ás 17:00 horas.

Sen apenas cambios, a organización garante diversión aos participantes, pero pídelles colaboración e que se inscriban "entre outras cosas por seguridad", xa que é habitual que moitos atletas corren sen dorlas "y eso genera descontrol", asegura Juan Romero, vicepresidente da Gimnástica.

Ata o momento xa foron máis de 900 os atletas que recolleron o seu dorsal na Casa da Luz, pero a organización espera que a cifra rolde a da pasada edición (5.844 dorsais retirados e máis de 6.000 deportistas en carreira), polo que se prevé unha avalancha nos últimos días de prazo, que nesta ocasión estará aberto ata o mesmo sábado 31 de decembro.

O horario habilitado para inscribirse, de maneira gratuíta, é de 17:00 a 19:30 horas (de luns a venres) ata o próximo 28 de decembro. O xoves 29 e o venres 30 ampliarase o mesmo, de 10:00 a 13:30 horas e de 16:30 a 19:30 horas, mentres o sábado 31 o horario será de 10:00 a 13:30 horas.

En canto á propia carreira o circuíto será o habitual, de case 4 quilómetros con saída e chegada desde a Avenida Montero Ríos, que se completarán con actividades como a Zumba, desde as 16:15 horas, ou o concurso de mellor disfrace, ademais da vertente solidaria cunha recollida de alimentos en beneficio do Comedor Social de San Francisco.

Ademais mantense o premio do tradicional lacón ao gañador da categoría absoluta masculina e feminina, na que se perfilan un ano máis como favoritos atletas como Víctor Riobó, 12 veces gañador en Pontevedra, Antonio Serrat, Joselyn Brea ou Leticia Fernández, entre outros. Eles, xunto ao resto de deportistas federados, serán os primeiros na liña de saída, seguidos por esta orde dos atletas populares, os menores de idade, os participantes que corran con cans, os deportistas con mobilidade reducida e os patinadores, que sairán en último lugar.

Con todo para la maior parte dos participantes o máis importante non será a competición, senón despedir o ano pasando un bo intre de deporte e diversión.