A ausencia do Dalisson de Almeida foi o principal foco de atención da sesión de adestramento que o Pontevedra Club de Fútbol levou a cabo este mércores no segundo campo do complexo Manolo Barreiro da Xunqueira.
O 18 granate, tras a habitual xornada de descanso, exercitouse no ximnasio á marxe dos seus compañeiros e baixo a supervisión de fisioterapeuta do club, Manu Barros.
Unha circunstancia que, aínda que non o descarta por completo, faille manterse como seria dúbida para a próxima xornada do campionato, a que medirá aos pontevedeses co Langreo (domingo 9 de febreiro, 17.00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón.
O certo é que desde o club non se quere correr riscos innecesarios co futbolista que até a data foi máis determinante do equipo, máximo goleador con 11 tantos entre liga e Copa, para que chegue en plenitude ao tramo decisivo da tempada, na que se xogará o ascenso de categoría.
Por ese motivo non se estableceu unha data segura para a súa volta ao equipo, fiándose das sensacións que vaia tendo o propio futbolista e coa intención de incrementar a súa carga de traballo paulatinamente.
O que non existe é información oficial sobre o seu estado. Só as declaracións de Yago Iglesias, que o 24 de xaneiro antes de ter que recibir o Numancia e de que se suspendese este encontro polo temporal, avanzou que as moletias do hispano-brasileiro tiñan "toda a pinta de ser sobrecarga".
Unha semana despois o propio técnico descartaba a Dalisson para o choque en Riazor apostando por "ser cautos" xa que "el non atopa ou non ten unhas sensacións moi boas, e no club queren facerlle algunha proba máis concreta", explicaba entón o adestrador granate.
O resto do primeiro plantel do Pontevedra exercitouse con normalidade sobre o céspede da Xunqueira, incluído un Mario Gómez que será baixa a próxima xornada ao ter que cumprir un encontro de suspensión por acumulación de amoestacións.