Sen marxe de erro para o Arxil en Barcelona

Pontevedra
17 de marzo 2017

A falta de catro xornadas para o final da competición, as pontevedresas non poden fallar eeste domingo (13:00 horas) na cancha do Segle XXI se queren seguir aspirando á cuarta praza

Cristina Díaz-Pache nun partido entre Arxil e Aros León Diego Torrado

Só faltan catro xornadas para que conclúa a competición regular na Liga Feminina 2 e cada erro pode ser definitivo. Sábeo ben un Club Baloncesto Arxil que non pode fallar se quere seguir aspirando á cuarta praza que dá dereito a xogar o play-off de ascenso.

As verdes están a unha vitoria de distancia Joventut Lles Corts cando afrontan este domingo (13:00 horas) unha saída complicada, precisamente a Barcelona, á cancha do Segle XXI.

O conxunto catalán conta cun equipo novo e talentoso, e coa permanencia xa asegurada xogan sen presión, o que segundo o equipo pontevedrés fainas máis perigosas.

O Arxil chega á cita coa moral polo alto tras o seu triunfo da pasada xornada ante o líder, pero despois dunha semana de adestramentos na que os problemas físicos limitaron a preparación. Foi o caso de Ana Román, Ana Martín ou María Lago pero "estoy seguro de que todas van a dar el 100%", recoñece Lino Vázquez.

A expedición pontevedresa desprazarase a Cataluña o mesmo día do partido en avión grazas ao cambio de horario pactado co Segle XXI, evitando así un desprazamento longo e pesado para as deportistas.