A falta das súas instalacións de auga, o Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños mantén a actividade con eventos como o Campionato Galego de Squash S13 e S17 celebrado a pasada fin de semana.
Na cita destacou o club local, o Squash Pontevedra, ao conseguir o triunfo na categoría sub-17 por medio de Pablo Caínzos.
O pontevedrés superou na final do torneo autonómico por 3-0 a Iago Noya, xogador do Vigo Squash.
A alegría foi completa a fin de semana para o club da Boa Vila, ao lograr a súa xogadora Marta Domínguez a clasificación para o Mundial absoluto que se celebrará en Exipto. A viguesa conseguiuno ao proclamarse subcampioa do PSA Val de Reuil en Normandía, cedendo só na gran final fronte á inglesa Katie Malliff.