Marta Domínguez, do Squash Pontevedra, logra o bronce no mundial universitario

Pontevedra
15 de novembro 2022

A xogadora ocupa o posto número 69 da clasificación mundial e é alumna da facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Marta Domínguez, xogadora do Squash Pontevedra, medalla de bronce no mundial universitario
Marta Domínguez, xogadora do Squash Pontevedra, medalla de bronce no mundial universitario / DUVI

A xogadora do Squash Pontevedra, Marta Domínguez, acaba de participar por primeira vez no campionato do mundo universitario de squash. Unha competición celebrada en Exipto na que esta viguesa afincada en Pontevedra fíxose coa medalla de bronce. 

“A experiencia foi impresionante”, recoñeceu a alumna da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. A galega foi unha das catro representantes coas que a federación española acudiu ao torneo.

Domínguez, que comezou hai apenas un ano a competir no circuíto profesional, ocupa o posto número 69 do ranking mundial. Na súa primeira participación mundial derrotou en primeira rolda á surafricana Teagan Leigh Roux e logo á xogadora de Hong Kong Po Yoi Kirstie Wong. Xa en semifinais, a estudante non puido coa xogadora local e número 30 do mundo, Sana Ibrahim. Domínguez foi superada por 3-1 por unha xogadora que terminaría proclamándose campioa do mundo.

Ao non disputarse partido polo terceiro posto, tanto Domínguez como a outra seminifalista, a suíza Cindy Merlo, foron recoñecidas coa medalla de bronce.