A derrota do Pontevedra Club de Fútbol o domingo no derbi contra o Racing de Ferrol supuxo "un pau grodo porque queriamos conseguir os tres puntos para saír da zona onde estamos", recoñece o adestrador granate, Antonio Fernández.
Con todo non hai tempo para lamentarse, e o técnico ve ao seu equipo "capacitado e con ganas de poder resarcirse da derrota do domingo" na complicada saída que afrontan este mércores (21.00 horas) ao campo do líder, o Córdoba.
"Imos coa intención de conseguir os tres puntos, sabemos que é unha das saídas máis complicadas do campionato pero isto é fútbol, o equipo está moi enteiro e imos competirlle ao Córdoba ao 100%", asegurou o preparador antes de poñer rumbo este martes a Andalucía.
"Se estamos ao noso mellor nivel seguramente teñamos moitas posibilidades de sumar", defende Fernández, pero iso pasa por "plantexar un partido o suficientemente solvente para competirlles e traernos algo positivo de alí, que sería sumar".
O técnico avanza ademais algún cambio no once con respecto ao derbi, e é que "xogar tres partidos esta semana vai ser moi esixente a nivel grupal, a nivel de plantel, e tentaremos sacar o mellor once posible, que nos de frescura, porque é un campo que nos vai a esixir moito e no que temos que estar ao 100% das nosas capacidades".
ÁLEX GONZÁLEZ, FÓRA DA CONVOCATORIA
Ademais da baixa por lesión de Ángel Bastos, o Pontevedra non contará de novo esta xornada, por segunda vez consecutiva, co seu capitán Álex González.
O extremo non entrou finalmente na lista ao non superar os problemas físicos que xa lle fixeron ser baixa de última hora contra o Racing de Ferrol.