Sergio Troitiño regresa cunha prata do Open de Canadá

Marín
11 de febreiro 2025

O deportista do Mat's de Marín segue a sumar importantes puntos no ranking internacional despois dun destacado papel na competición celebrada en Montreal

Sergio Troitiño (esquerda) no podio do Open de Canadá
Sergio Troitiño (esquerda) no podio do Open de Canadá / Federación Galega de Taekwondo

Novo metal para o xa extenso palmarés de Sergio Trotiño.

O deportista do Mat's de Marín segue a progresar no ranking internacional de taekwondo tras os puntos sumados no Open de Canadá celebrado na localidade de Montreal.

Alí o marinense logrou a medalla de prata na súa categoría (-87 quilos) e quedou realmente cerca do ouro.

Troitiño superou nos cuartos de final de maneira contundente o colombiano Marlon Kisisely Pérez (13-0, 12-0), e fixo o propio nas semifinais contra o canadense Charlelie Mercier (15-1, 13-8).

Así s eplantó nunha final na que o rival era o estadounidense Michael C. Rodríguez.

En triunfo no Open de Canadá decidiuse nun exixente combate a tres asaltos, no que Sergio Troitiño terminou cedendo nos últimos segundos (3-10, 5-4, 6-8).

Unha nova medalla por tanto para un Troitiño que entre os seus éxitos recentes pode presumir de terse proclamado campión de España absoluto e tamén campión europeo sub-21.

En Montreal outras dúas deportistas galegas subiron ao podio, co ouro de Alma Pérez (-53, Costado TKD Boiro) e a prata de Tania Castiñeira (+73, Hebe).