Sergio Vega sobe posicións na xeral da Copa España tras ser segundo en Torredonjimeno

Pontevedra
16 de abril 2018

O ciclista do Froiz colócase sétimo na xeral (290 puntos) a menos de 100 puntos do líder chegado ao ecuador da competición. Ander del Castaño e Diego Noriega, no Top-20

Sergio Vega entra segundo na meta na Clásica de Torredonjimeno
Sergio Vega entra segundo na meta na Clásica de Torredonjimeno

Rozou o triunfo o Grupo Deportivo Supermercados Froiz na quinta proba puntuable da Copa de España Elite e Sub-23, a Clásica de Torredonjimeno, tras a suspensión a semana anterior do Memorial Valenciaga.

Sergio Vega foi segundo na liña de meta a só 2 segundos nunha trepidante carreira e sobe posicións na xeral confirmándose como gran baza do equipo alimenticio na competición. Vega é agora sétimo con 290 puntos no ecuador da Copa, a menos de 100 do líder, Antonio Soto (Lizarte) que acumula 384 puntos.

O Froiz realizou un notable traballo en Torredonjimeno na cabeza do pelotón e atento aos constantes cortes nunha carreira que se seleccionou nas ascensións ao Alto de Locubín, que Sergio Vega coroou na cabeza, e o Alto de Valdepeñas.

O descenso e a posterior escalada a Valdepeñas de Xaén terminaron de dar forma ao grupo de 20 ciclistas de cabeza que pelexaron ata o final a vitoria. Despois de varios ataques o representante do Froiz quedou nun pequeno grupo perseguidor a 30 segundos nos últimos 15 quilómetros, pero tras unha persecución a ritmo intenso enlazaron coa meta xa no horizonte, unha fusión dos dous grupos que se produciu con Antonio Gómez cuns metros de vantaxe que lle serviron para facerse co triunfo.

O botín do Froiz nesta proba completouse coa vitoria na xeral da montaña para o propio Sergio Vega e o cuarto posto por equipos.

A próxima cita da Copa de España será o Memorial Pascual Momparler o próximo 22 de abril en Villanueva de Castellón.