Foi unha tempada feliz no deportivo, co ascenso a Primeira RFEF do Pontevedra Club de Fútbol e unha unión entre afección e xogadores que case non se lembraba, por iso Siareixs Granates convoca unha xornada festiva de "granatismo e unión" para despedir o curso ao grande.
O colectivo de seguidores do Pontevedra anunciou unha serie de actividades que se desenvolverán o vindeiro sábado 4 de xuño, e ás que animan a participar a todo o que o desexe.
Entre os puntos destacados da xornada aparece ás 10.00 horas da mañá un torneo de fútbol que se disputará no pavillón de Tenorio, con equipos de 5 xogadores e premios para os gañadores.
Despois a actividade trasladarase ata Ponte Muíños, ao Tronko Bar, onde ás 15.00 horas terá lugar unha churrascada popular cun prezo de 8 euros, ademais dun torneo de futbolín a partir das 18.00 horas.
Siareixs avanza tamén que se producirá "algunha sorpresa máis". Unha gran forma de pechar unha tempada que quedará no recordo polo festexado ascenso do equipo.