Silvia Aguete volve estar entre as mellores porteiras de fútbol sala do mundo

Pontevedra
19 de xaneiro 2022

Dous anos despois de ser elixida mellor gardameta do planeta, a xogadora do Marín Futsal é nomeada segunda mellor porteira do ano polo portal especializado  FutsalPlanet. com

Silvia Aguete, nun adestramento da Selección Española
Silvia Aguete, nun adestramento da Selección Española / RFEF

A gardameta do Marín Futsal, Silvia Aguete volve relacionarse entre as mellores xogadoras do mundo na súa posición. Dous anos despois de ser elixida mellor porteira do planeta, o portal especializado FutsalPlanet.com elixe á pontevedresa como a segunda mellor porteira do ano.

Aguete recibiu un total de 197 puntos e quedou a 50 tantos da gañadora do galardón, a portuguesa do Benfica Ana Catarina. En terceira posición, a 17 puntos da galega, quedou a brasileira Ana carolina Caliari. 

A de Silvia Aguete non foi a única mención para o fútbol sala feminino galego nesta gala organizada polo portal especializado FutsalPlanet. com. O Burela foi elixido mellor equipo, Julio Delgado, adestrador do cadro lucense. é o mellor adestrador e a seleccionadora Claudia Pons, que sempre conta nas súas listas cunha elevada cota galega, é a mellor adestradora de seleccións do ano. 

Desde o Marín Futsal non tardaron en felicitar á súa xogadora por este galardón. "Parabéns Silvia, pero para nós ti sempre serás a mellor do mundo", compartiron a través das redes sociais do club.