O Sinfín agrava a crise do Cisne

Pontevedra
08 de marzo 2025
Actualizado: 22:17

O conxunto pontevedrés acumula catro xornadas consecutivas sen puntuar e complica a súa situación de cara ao final de tempada. Os cántabros foron moi superiores na segunda metade

Partido entre Cisne e Sinfín no Municipal

Os bos resultados seguen sen chegarlle ao Club Cisne Balonmán, que leva catro xornadas consecutivas sen puntuar e entran na fase final da tempada nunha situación complicada.

O equipo de Quiños afrontaba este sábado un encontro vital fronte ao Blendio Sinfín, que foi moi superior na segunda metade e fíxose co triunfo por 29-34.

Custoulle entrar ao partido ao conxunto pontevedrés, que se atopou cun parcial en contra de 2-6 aos 10 minutos de xogo que lles obrigaba a reaccionar de maneira urxente. Apareceu entón Franzini baixo paus e con Bruno Vázquez, Furtado e Manu Lorenzo, o Cisne meteuse de cheo no partido dando a volta ao resultado ao cuarto de hora (7-6).

Atopara o equipo lerezano a súa mellor versión en ataque, pero non daba coa maneira de neutralizar o Sinfín, que apenas tiña problemas para atravesar a zaga cisneísta con potentes lategazos imparables para o gardameta brasileiro que selaban o 15-15 ao descanso.

Arrincou mellor a segunda metade o conxunto cántabro, que apoiado en Nico Doval, meteu a directa cun parcial de 16-20 nada máis regresar dos vestiarios.

Partido entre Cisne e Sinfín no MunicipalCristina Saiz

Entrou Abián en lugar de Franzini coa intención de deter a hemorraxia e o Cisne recuperou sensacións para reducir o resultado en dous goles. Pero esa diferenza pouco durou e o Sinfín respondeu de forma inmediata con cambios no seu ataque que complicaban á zaga local e permitíanlle situarse coa máxima renda até o momento (23-28).

Os visitantes xa tiñan o partido controlado e moito tiñan que cambiar as cousas para que o tres puntos quedasen en Pontevedra.

O tempo consumíase, correndo a favor do equipo visitante, que demostraba a súa superioridade e mantiña a vantaxe entre o catro e cinco goles.

Adiantou a defensa o Cisne cando restaban pouco máis de cinco minutos para a conclusión, pero o Sinfín aproveitou a situación atopando espazos ás costas e subindo o +6 ao luminoso (27-33).

Entráronlle as présas aos xogadores lerezanos e pecaron de precipitación á hora de atacar, os pases non non atoparon destinatario e os poucos lanzamentos a portaría marcharon moi desviados.

Os cántabros, pola súa banda, tomáron o seu tempo á hora de elaborar as xogadas ofensivas para facerse co triunfo final por 29-34.

Consulta as estatísticas neste enlace.